A mostra Mulleres Rurais: pasado, presente e futuro, poderá verse ata finais deste mes na Casa do Concello, con imaxes antigas e outras iniciativas audiouvisuais
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda celebrou este venres o Día da Muller Rural cunha mostra interactiva baseada na fotografía. Baxo o lema Mulleres Rurais: pasado, presente e futuro, esta exposición poderá contemplarse ata o vindeiro día 30 nas dependencias da Casa do Concello. Ademais de fotografías antigas, moitas delas do Banco de Imaxes Dixitalizada pola dinamizadora rural estradense Marisé García Hermida e outras aportadas por veciñas do municipio, nesta exposición organizada en colaboración coa entidade Acción contra a fame no marco do proxecto Comunidades Rurais Sostibles e financiado polo Fondo Social Europeo Plus do Ministerio de Traballo e Economía social e a Fundación Mapfre, tamén se convida ao público a facerse retratos (inmortizando as mulleres do presente) e deixar unha mensaxe nun libro para as mulleres do futuro.
No acto, presentado pola concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, leuse o manifesto da
Corporación Municipal de Silleda en defensa dos valores que representan as mulleres do rural. En representación de todos os grupos municipais leron o texto as concelleiras Erea
Rey, María Jesús Rodríguez e a concelleira de Medio Rural, Asunción García, destacando o papel das mulleres rurais como motor de cambio e desenvolvemento nas nosas comunidades. O texto tamén fai mención ao impulso, apoio e defensa do colectivo a través do recén creado Consello Municipal da Muller.
O acto central, ao que acudiron representantes das asociación de mulleres rurais do municipio de Silleda, tamén se convertiu nun recoñecemento a Virginia Colmeiro Pérez, elixida como protagonista deste mes no marco do programa (IN) Visibles. A alcaldesa, Paula Fernández, pechou o acto xunto con Virxinia, destacando a aposta desta moza polo rural.
Publicidade
Dende o Concello convídase á veciñanza a visitar a exposición para reflexionar sobre o papel imprescindible das mulleres rurais no pasado, a súa presenza no presente e a súa influencia no futuro. Na mostra de fotografías antigas figuran imaxes recollidas en Silleda dende mediados do século XX.
Comments