Silleda inicia unha nova edición do programa ACTIVA-DAS, dirixido a mulleres con discapacidade
- Laura Moure

- 4 nov
- 1 Min. de lectura
As sesións continuarán esta semana, o mércores e venres, en horario de mañá, na Casa da Xuventude
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de iniciar onte unha nova edición do programa ACTIVA-DAS: claves para o apoderamento das mulleres con discapacidade, unha iniciativa promovida polo Centro de Información á Muller (CIM) en colaboración coa Asociación de Mulleres con
Discapacidade de Galicia (Acadar) e a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

As sesións celébranse tamén o mércores e venres desta semana, en horario de 10:00 a 13:00 horas, na Casa da Xuventude de Silleda (Rúa Trasdeza, 90). O programa, dirixido a mulleres con discapacidade, busca fortalecer a súa autoestima, mellorar as habilidades sociais e fomentar o apoderamento persoal e colectivo. Ademais, aborda cuestións como a resolución de conflitos e a sensibilización fronte ás violencias cara as mulleres con discapacidade no ámbito das TICs.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Ángela Troitiño, destacou a importancia de continuar ofrecendo espazos formativos e de apoio específicos para mulleres con discapacidade: “Con programas como ACTIVA-DAS seguimos avanzando cara a unha
sociedade máis inclusiva e igualitaria, poñendo o foco nas capacidades, na autoestima e na participación activa das mulleres”.
Publicidade
Esta nova edición conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, e forma parte das accións impulsadas polo departamento de Igualdade de Silleda, a través do CIM, para promover a igualdade de oportunidades e a inclusión social.







Comentarios