Silleda informa das restriccións de tráfico en distintas rúas durante a fin de semana debido ao Rallysprint
- Laura Moure

- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Colocará avisos nas zonas afectadas, tal e como se acordou onte na xuntanza de seguridade para a proba, que terá lugar este sábado 16
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda colocará nas próximas horas carteis nos que se informará das restricións de circulación e estacionamento con motivo da celebración do III Rallysprint Concello de Silleda, que se celebrará o vindeiro sábado 16. Estas medidas afectarán a varias rúas: Camiño do Castro, (onde se situará o reagrupamento e o parque pechado); e a rúa Recinto Feiral e Rúa Arturo Pérez Lázara (parque de traballo xunto co aparcamento da Semana Verde).
PUBLICIDADE
No caso da rúa Camiño do Castro, quedará pechada ao tráfico xa o xoves dende as 18:00 e estará prohibido estacionar dende as 15:00 horas. Nas rúas Arturo Pérez Lázara, Recinto Feiral e no estacionamento da Semana Verde, non se poderá estacionar nin circular dende o venres ás 16:00 horas. O tráfico quedará pechado tamén dende o venres á tarde, se ben terán acceso aos garaxes, (entrando pola dirección prohibida) as persoas residentes.
Rúa Cartaxena e Condes do Deza
Tamén o venres pola mañá se cortará o acceso á rúa Cartaxena dende Alonso Ríos (modificarase o sentido da rúa Castrelo), pola montaxe para as verificacións técnicas. Así mesmo, na rúa Condes do Deza, quedará restrinxido o estacionamento o sábado na marxe dereita, podendo acceder só persoas residentes. O acceso ao parking público será a través da rúa Morón.
PUBLICIDADE
Restriccións na zona de Bandeira e de Escuadro
Así mesmo, dende a organización xa se enviaron comunicacións a todas as vivendas das zonas por onde pasará o Rallysprint, con dous tramos: na zona de Bandeira e de Escuadro informando dos horarios de pasada e os cortes dos viarios afectados.

Na reunión de seguridade de onte participaron membros de Escudería Silleda, que organiza esta proba por terceiro ano consecutivo con récord de pilotos, o xefe da Policía Local, representantes da Garda Civil de Tráfico, a alcaldesa, Paula Fernández, o xefe de seguridade da proba e a concelleira de Deportes.
Dende a Escudería Silleda e o Concello agradécese a colaboración nesta proba dos corpos de seguridade, dos Bombeiros de Deza e Tabeirós, e as agrupacións de voluntarios. Tamén se agradece a comprensión da veciñanza á hora de respectar os cortes de tráfico.








Comentarios