O Concello comeza a deseñar a xornada intercultural “Silleda Integra” coas comunidades estranxeiras
- Laura Moure

- hace 41 minutos
- 3 Min. de lectura
O Concello convida a veciños e veciñas doutras nacionalidades a sumarse ao proceso participativo, que continuará cunha nova reunión o martes 19 ás 20:15 horas
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda celebrou o martes un primeiro encontro con persoas de distintas nacionalidades asentadas no municipio para comezar a traballar na organización dunha futura xornada intercultural, unha iniciativa que se está a deseñar baixo o nome de Silleda Integra e coa que se busca favorecer a convivencia, a participación e o coñecemento mutuo entre a veciñanza.
Na reunión participaron representantes de Venezuela, Marrocos e Colombia, tres das comunidades estranxeiras máis numerosas no municipio, xunto coa romanesa, que finalmente non puido asistir a este primeiro encontro. A cita contou tamén coa presenza da alcaldesa, Paula Fernández, das concelleiras de Benestar e Cultura, Ángela Troitiño e Mónica González, así como de persoal técnico municipal.

Segundo os datos municipais, Silleda conta actualmente con 894 persoas de nacionalidade estranxeira, das que 458 son homes e 436 mulleres. As comunidades con maior presenza son Romanía, con 153 persoas; Venezuela, con 129; Portugal, con 100; Colombia, con 95; e Marrocos, con 84. Tamén figuran outras nacionalidades con presenza destacada como Senegal, Ucraína, Brasil, Arxentina, Paraguai, Italia ou Perú, entre outras.
O encontro serviu para presentar unha primeira proposta de traballo arredor desta futura xornada intercultural, coa que o Concello quere poñer en valor a diversidade cultural existente en Silleda a través da gastronomía, a música, as tradicións, os costumes, a indumentaria, as expresións artísticas e as experiencias vitais das persoas procedentes doutros países que hoxe forman parte da vida diaria do municipio.
Desde o Concello subliñan que o obxectivo é que esta iniciativa “non naza pechada desde a administración, senón que se constrúa da man das propias comunidades”, escoitando as súas ideas, propostas e necesidades para que a actividade sexa participativa, representativa e realista.
PUBLICIDADE
A proposta inicial contempla a organización nas vindeiras semanas dunha xornada aberta á veciñanza, con espazos ou stands representativos por países, mostra gastronómica, música, baile, expresións culturais, actividades para público infantil e familiar, así como momentos de encontro e diálogo nos que as persoas participantes poidan compartir a súa experiencia de vida en Silleda. Durante a reunión recolléronse primeiras achegas e impresións das persoas asistentes, co compromiso de continuar traballando conxuntamente nas próximas semanas para definir o formato, os contidos e a participación de cada comunidade.
O Concello fai ademais un chamamento a persoas doutras nacionalidades presentes en Silleda que queiran sumarse a esta iniciativa, achegar propostas ou participar na xornada. A vindeira reunión terá lugar o martes 19, ás 20:15 horas, no Concello de Silleda, e estará aberta a todas aquelas persoas interesadas en formar parte deste proceso. As persoas que desexen participar poden chamar ao 986 580 000 e contactar con Alcaldía.
Esta futura xornada intercultural concíbese como unha celebración da diversidade como valor, un punto de encontro entre culturas e unha oportunidade para seguir construíndo comunidade desde o respecto, a participación e a convivencia.
PUBLICIDADE
A alcaldesa, Paula Fernández, agradeceu a participación das persoas asistentes nesta primeira toma de contacto e salientou que “Silleda é hoxe un concello máis diverso, máis plural e máis rico grazas tamén ás persoas que chegaron doutros países e que forman parte xa da nosa vida diaria”.
Fernández explicou que o obxectivo desta iniciativa é “abrir un espazo de encontro no que todas esas culturas poidan verse, compartirse e recoñecerse”, ao tempo que destacou a importancia de que o proxecto “se constrúa desde o diálogo, escoitando ás propias comunidades e facendo que sexan protagonistas da xornada”. “Queremos que esta futura actividade sexa unha oportunidade para tender pontes, romper prexuízos e seguir construíndo un municipio máis aberto, acolledor e cohesionado”, engadiu a rexedora, que animou tamén a persoas doutras nacionalidades presentes en Silleda a sumarse ás próximas reunións de traballo.








Comentarios