Silleda homenaxeará polo 25-N á policía Marina Ledo Sobrado, natural de Fiestras
É pioneira da incorporación das mulleres á Policía Local de Vigo
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda renderá homenaxe a Marina Ledo Sobrado, natural da parroquia de Fiestras e unha das primeiras mulleres en incorporarse á Policía Local de Vigo, co seu nomeamento como (in)Visible do 25-N, no marco das actividades organizadas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O acto de recoñecemento celebrarase o propio mércores 25 de novembro, ás 13:30 horas, na Casa do Concello, poñendo en valor a traxectoria dunha silledense que abriu camiño nun ámbito profesional historicamente masculinizado e que contribuíu, coa súa incorporación e posterior labor, a transformar o papel da muller nas forzas de seguridade.
Nacida en Fiestras en 1952, Marina Ledo Sobrado conserva unha profunda vinculación coa súa parroquia natal, onde transcorreu a súa infancia entre os traballos do campo, os xogos e as tradicións da vida rural. Grazas a unha bolsa de estudos obtida aos dez anos puido continuar a súa formación en Pontevedra, primeiro no Colexio das Doroteas e posteriormente na Escola de Maxisterio.

A súa primeira vocación foi a docencia, profesión que exerceu entre 1972 e 1981 nos colexios Compañía de María de Cangas e San Miguel de Bouzas. Porén, en 1981 decidiu dar un xiro á súa vida e presentarse ás oposicións da Policía Local de Vigo, nun momento de importantes cambios sociais e institucionais tras a chegada da democracia.
Unha pioneira nun mundo de homes
Aquela convocatoria marcou un fito na historia da Policía Local viguesa. Segundo lembra a propia Marina, ás probas físicas presentáronse arredor de 200 homes e tan só catro mulleres, das que tres conseguiron superar o proceso selectivo. A súa incorporación espertou unha enorme expectación mediática e supuxo tamén enfrontarse a numerosos prexuízos. Desde os uniformes femininos da época, con zapatos de tacón e bolso para realizar longas xornadas regulando o tráfico, ata comentarios machistas que hoxe resultarían impensables, Marina foi testemuña directa das dificultades que tiveron que superar as primeiras mulleres policías.
PUBLICIDADE
Lonxe de deterse, continuou avanzando profesionalmente. En 1985 ascendeu a cabo da Sección de Distritos e tomou unha decisión que volvería marcar un precedente: formar, xunto coa súa compañeira Begoña, a primeira patrulla integrada exclusivamente por mulleres.
A bordo dun Citroën Visa, ambas percorreron as rúas de Vigo atendendo todo tipo de intervencións. Aquel vehículo, que segundo relata aínda se conserva na Xefatura, representa para ela unha etapa chea de experiencias, desde situacións de enorme dureza ata momentos de complicidade, aprendizaxe e proximidade coa cidadanía.
Ao longo da súa carreira desempeñou diferentes responsabilidades dentro do corpo policial, entre elas as de cabo de Distritos, secretaria da Xefatura e labores na Oficina Administrativa, ata a súa xubilación no ano 2017, aos 65 anos. "Ser policía, para min, non é unha profesión, é un modo de vida", asegura Marina, que lembra como cambiou "a tiza e a mirada atenta dos nenos polo asfalto das rúas de Vigo", mantendo intacta a mesma vocación de "coidar, ensinar, guiar e protexer".
A súa historia constitúe un exemplo de perseveranza, valentía e superación de estereotipos, ademais de representar a contribución de tantas mulleres que, desde ámbitos profesionais moi diferentes, abriron novas oportunidades para as xeracións posteriores.
Co seu nomeamento como (in)Visible do 25-N, o Concello de Silleda quere recoñecer ese papel pioneiro e reivindicar a importancia de visibilizar referentes femininos vinculados ao municipio, especialmente aqueles que contribuíron a derrubar barreiras e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.
PUBLICIDADE
Campaña de sensibilización, teatro e actividades educativas polo 25-N
O recoñecemento a Marina Ledo Sobrado formará parte da programación municipal organizada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se dará a coñecer de maneira detallada nos vindeiros días.
Entre as iniciativas previstas destaca unha campaña de sensibilización elaborada en colaboración coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra e a Universidade de Vigo, que buscará promover a reflexión e a implicación da veciñanza fronte á violencia machista, prestando especial atención á realidade do ámbito rural e á importancia das redes de apoio e proximidade.
A programación completarase, entre outras propostas, con representacións teatrais e obradoiros musicais nos centros educativos do municipio, apostando pola sensibilización e a educación en igualdade desde idades temperás. Deste xeito, o Concello de Silleda volverá conmemorar o 25-N combinando o recoñecemento a mulleres referentes coa concienciación social e a prevención da violencia de xénero.









Comentarios