Silleda estrea esta fin de semana a pista de skate na praza Juan Salgueiro
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de rematar as obras para a instalación do skate park na Praza Juan Salgueiro, incluido no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. A empresa adxudicataria dos traballos, Urbanismo Técnico Sostible, xa instalou, logo de rematar a soleira base de formigón, os distintos módulos de skate homologados con estruturas metálicas e superficies de rodadura de alta resistencia.
O conxunto está composto por un módulo con barandilla de 0,90 x 2,44 x 2,95 metros, outro de 0,90 x 1,22 x 3,44 metros, dous módulos de 0,60 x 1,22 x 2,31 metros e dúas unidades curvas de tubo de 0,40 metros de altura e 0,60 metros de diámetro, cunha delas de 7 metros de lonxitude e outra de 3 metros. Ademais, nas melloras do contrato inclúese un segundo módulo de 0,90 x 2,44 x 2,95 metros, co que se reforza a oferta de elementos no parque.

Este novo espazo, do que xa poden disfrutar a partir desta fin de semana a rapazada e mocidade silledense tamén conta con iluminación propia, ca instalación de tres farolas.
A actuación, forma parte dun investimento total de 64.029,42 euros, que se completa ca adquisión de material deportivo e equipamento doutros espazos públicos, procedemento que está xa en fase de licitación.
PUBLICIDADE
Así, nas vindeiras semanas instalaránse equipamentos deportivos ao aire libre nas prazas Mestre Mateo (Silleda) e Vales Mahía (A Bandeira), con unidades combinadas de porterías e canastras, así como unha canastra adicional para a práctica de baloncesto 3x3 na propia Praza Juan Salgueiro de Silleda e outra na praza da Bandeira. “Estas instalacións foron demandadas polas familias usuarias destes espazos, así como pola rapazada que xoga ao baloncesto no noso municipio”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández.
Tamén se instalarán redes de protección na pista multideportiva da Bandeira, garantindo así maior seguridade fronte á saída de balóns cara ás vivendas próximas e, sobre todo, cara á zona de xogos infantís.
Redes da Gandareira e mobiliario
Nas instalacións deportivas tamén se acometerá unha importante renovación das redes de protección do campo de fútbol da Gandareira, na Bandeira, que conta con varios tramos deteriorados, e substituiranse os bancos e percheiros dos vestiarios do complexo deportivo de Silleda e do campo de fútbol de Mularedos (Lamela). “Todas estas actuacións son demandas dos clubs, ás que lles estamos agora dando cumprimento. Escoitar e actuar”, afirma a rexedora.
PUBLICIDADE
Futura pista multideporte
O proxecto inicial incluía a instalación dunha pista multideporte, modificándose ao detectarse no replanteo das obras que o espazo previsto para esa pista non era axeitado para a práctica deportiva debido á presenza de lixeiras pendentes transversais na praza de Silleda. A súa corrección implicaría intervencións fóra do ámbito do contrato e non previstas, polo que se decidiu suprimir esa parte da actuación e solicitar á Deputación a aprobación dun novo proxecto.
En todo caso, o goberno local mantén o compromiso de dotar ao municipio deste equipamento, incorporándo este espazo ao aire libre na nova zona que se está a deseñar vinculada á futura piscina climatizada e no ámbito da zona deportivo-escolar da vila.









Comentarios