Silleda e Cruz Vermella abren novas vías de colaboración para reforzar a atención social
Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda e Cruz Vermella deron un paso máis na súa colaboración para mellorar a atención ás persoas e familias máis vulnerables do municipio. A concelleira de
Igualdade e Benestar, Ángela Troitiño, mantivo unha reunión de traballo co departamento de Servizos Sociais e representantes da entidade humanitaria. Na xuntanza participaron Lidia Romero Aresté, secretaria provincial de Cruz Vermella en Pontevedra; Manuel Batán Barros, presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Deza; e Silvia Vázquez Presas, coordinadora da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella Deza.
Este primeiro encontro tivo como obxectivo establecer unha toma de contacto e sentar as bases para incrementar e diversificar as actuacións de Cruz Vermella en Silleda. Sobre a mesa estiveron temas prioritarios como o fomento da empregabilidade, o desenvolvemento de programas específicos para menores e a mellora da cobertura das necesidades básicas das familias en situación de vulnerabilidade.
Publicidade
“Queremos reforzar o apoio ás familias que máis o precisan, poñendo o foco tanto nas necesidades básicas como no acompañamento para mellorar a súa empregabilidade e o futuro da mocidade”, di Ángela Troitiño, Concelleira de Igualdade e Benestar.
Este encontro enmárcase na liña de traballo do goberno local para contribuir a mellorar a calidade da veciñanza.








Comentarios