A aportación de 1.500 euros que viña destinando ao programa Vacacións en Paz continuará este ano tamén para fins solidarios co pobo saharaui
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continuará colaborando coma nos últimos anos coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps). A suspensión do programa Vacacións en Paz, que xestionaba esta entidade, por mor da crise sanitaria actual, obrigou a replantear xa dende o pasado ano as colaboracións, polo que estas se enfocarán noutros ámbitos.
Así, o Concello de Silleda, no que viñan pasando nos últimos anos a época estival varios nenos e nenas dos campamentos de refuxiados, realizará a mesma aportación (1.500 euros) que se destinará neste caso a compra de alimentos para as persoas refuxiadas que viven nos campamentos de Tindouf, en Arxelia.“Somos conscientes do gran traballo que está a realizar esta asociación e xa que este ano non será posible, como pasou en 2020, traer aos nenos e nenas para pasar o verán alonxados das duras condicións de vida do deserto, seguiremos facendo a nosa aportación para o subministro de produtos básicos”, explica a concelleira de Benestar e Iguadade, Ángela Troitiño.
O acordo de asinar o convenio adoptouse na última sesión da xunta de goberno local, celebrada o pasado martes. Ademais de sumarse ao programa Vacacións en Paz, o Concello de Silleda vén colaborando nos últimos anos con distintas iniciativas solidarias promovidas a través de Sogaps.
Comments