top of page

Silleda avanza na diagnose urbana con perspectiva de xénero reunindo ao persoal técnico municipal

Na reunión analizaronse retos e boas prácticas nos espazos públicos


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de celebrar unha sesión de traballo coa participación de persoal técnico de diferentes áreas municipais —urbanismo, obras, igualdade, servizos sociais, cultura e deportes— no marco da diagnose urbana con perspectiva de xénero que se está a desenvolver nos núcleos de Silleda e A Bandeira.

A xuntanza tivo lugar coa presenza dunha das relatoras do estudo, a arquitecta Natalia Campos, co obxectivo de compartir impresións e recoller achegas sobre os principais retos que presenta o espazo urbano no municipio. Nesta primeira fase do proceso, o enfoque estivo centrado tanto en sinalar aspectos que deben ser mellorados como en identificar exemplos de boas prácticas que poidan ser referentes para futuras actuacións.


Segundo a alcaldesa e responsable da Xestión Urbana "o feito de contar coas achegas do persoal técnico de diferentes áreas municipais é clave: estamos falando de transformar o espazo físico, pero tamén de cambiar as dinámicas e as prioridades na forma de pensar o territorio”


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A diagnose urbana con perspectiva de xénero busca promover unha transformación dos espazos públicos desde criterios de equidade, accesibilidade, coidado e seguridade, tendo en conta a diversidade de vivencias que conviven no territorio. A participación activa do persoal técnico municipal nesta fase inicial resulta fundamental para establecer un diagnóstico realista e compartido, que poida guiar a toma de decisións urbanísticas máis xustas e inclusivas.


Roteiro o sábado 28 por Silleda e A Bandeira

Esta liña de traballo continuará nas vindeiras semanas coa celebración duns Roteiros polos cascos urbanos, aberta á cidadanía, prevista para o sábado 28 de xuño, e estruturada para ir coñecendo in-situ as debilidades e fortalezas da estrutura urbana actual.


Durante esa xornada, as persoas participantes poderán percorrer os espazos urbanos de Silleda e A Bandeira, analizar colectivamente diferentes zonas e achegar propostas para a súa mellora, así como poñer en valor aqueles elementos que xa funcionan como referentes de convivencia, mobilidade ou inclusión. “Esta diagnose é unha oportunidade para mirar os nosos espazos desde outras olladas, desde a experiencia real da veciñanza e desde a

necesidade de facer un urbanismo máis humano e inclusivo. Queremos un Silleda que se pense con e para todas as persoas, e iso só é posible se involucramos a quen vive o día a día das rúas, das prazas, dos percorridos escolares, dos coidados", sinala a rexedora.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O Concello anima a toda a veciñanza a inscribirse e participar, con especial chamada a mulleres e persoas coidadoras e discapacitadas, cuxas experiencias son clave para deseñar entornos máis vivibles e seguros para todas as persoas.


A inscrición poderá realizarse nas próximas semanas a través dun formulario online que pode atoparse na web e nas redes sociais municipais ou chamando ao 986 580 000.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page