Silleda asina un novo convenio con Medio Rural para a prevención e defensa contra os incendios forestais
- Laura Moure
- hace 3 días
- 2 Min. de lectura
O investimento total das actuacións previstas ascende a 110.700 euros nas dúas anualidades
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actuacións de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os anos 2025 e 2026. Este convenio está
cofinanciado parcialmente polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023.
A través deste acordo, o Concello contará cunha brigada municipal composta por catro persoas durante un período de tres meses ao ano, cun financiamento de 35.800 euros para cada unha das anualidades. Esta brigada deberá estar á disposición dos servizos de extinción en caso de incendios forestais e, fóra deses episodios, realizará labores de vixilancia, defensa e limpeza de terreos municipais situados en faixas secundarias de protección.

As tarefas asignadas á brigada inclúen, ademais do apoio á extinción e da vixilancia, a realización de traballos de roza manual e a investigación do estado das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, segundo un programa de actuacións preventivas elaborado polo propio Concello.
O convenio inclúe tamén unha partida de 39.200 euros destinada a traballos preventivos mecanizados, como as rozas de matogueira con apeiros rozadores de cadeas acoplados aos tractores municipais. Para garantir a seguridade e a calidade dos traballos, o Concello lanzará un procedemento aberto simplificado ao que se convidará a empresas especializadas, co obxectivo de contratar persoal cualificado e evitar riscos derivados da falta de formación específica.
A concelleira de Medio Rural, Asunción García, subliña que “sabemos que a cidadanía está facendo grandes esforzos por manter as súas parcelas limpas, e desde o Concello tamén queremos ser exemplo diso. É moi importante a colaboración veciñal para minimizar os riscos de incendios nas proximidades das vivendas, e por iso seguimos reforzando os medios propios con actuaciónsplanificadas e recursos específicos que nos permiten actuar con eficacia”.
Publicidade
Así mesmo, e coincidindo coa sinatura deste novo convenio, o Concello de Silleda quere lembrar á veciñanza a importancia de manter limpas as fincas, en cumprimento da normativa vixente, para reducir o risco de incendios forestais nas proximidades das vivendas.
En aplicación da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia, as persoas propietarias están obrigadas a xestionar a maleza e determinadas especies arbóreas como piñeiros, eucaliptos e acacias nunha franxa de 50 metros ao redor de solos urbanos, núcleos rurais, solos urbanizables, edificacións de calquera tipo, infraestruturas públicas e áreas recreativas. Esta limpeza debe estar realizada antes do 31 de maio. Ademais, segundo recolle a Lei 7/2012 de montes de Galicia, establécense distancias mínimas obrigatorias para novas plantacións respecto das pistas e vías municipais: 2 metros no caso de frondosas e 4 metros para maleza e especies como piñeiros, eucaliptos ou acacias.
No caso do arborado xa existente, os propietarios deberán escotalo se dificulta a circulación, ou proceder ao seu corte ao pé cando as raíces afecten ao viario municipal por invasión do dominio público. Dende o Concello insístese na necesidade de reforzar a colaboración cidadá como ferramenta fundamental na loita contra os lumes forestais, e faise un chamamento ao cumprimento rigoroso destas obrigas legais para garantir a
seguridade de todas as persoas.
Comments