Silleda aproba o novo contrato da luz dos edificios e incorpora tamén os bombeos das depuradoras
- Laura Moure

- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
O contrato foi adxudicado á empresa Endesa Energía S.A., como empresa adxudicataria do Lote 1 do acordo marco estatal
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación do contrato baseado no acordo marco da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para o subministro de electricidade en alta e baixa tensión, que inclúe este ano non só os edificios municipais senón tamén os bombeos das depuradoras.

O contrato foi adxudicado á empresa Endesa Energía S.A., como empresa adxudicataria do Lote 1 do acordo marco estatal, cun importe anual de 164.354,55 euros (sen IVE), o que supón 198.869,01 euros IVE incluído. A duración do contrato será dun ano e non contempla posibilidade de prórroga.
Publicidade
A contratación realízase a través da Central de Contratación da FEMP, á que o Concello de Silleda está adherido desde 2018, un sistema que permite ás entidades locais acceder a condicións máis vantaxosas e a prezos competitivos, garantindo ao mesmo tempo a transparencia e a seguridade xurídica do procedemento.
Como novidade con respecto ao pasado exercicio, neste contrato inclúense tamén os puntos de subministro correspondentes aos bombeos das depuradoras, ampliando así o alcance da contratación eléctrica municipal e permitindo unha planificación máis integral do consumo enerxético.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O contrato inclúe ademais como condición especial de execución a realización gratuíta dun estudo sobre a xeración de enerxía reactiva nas instalacións municipais e a valoración económica dos equipos necesarios para a súa minoración, unha medida orientada a seguir mellorando a eficiencia enerxética e reducir custes futuros.
Publicidade
Desde o goberno municipal destácase que este sistema de contratación permite optimizar os recursos públicos e avanzar nunha xestión máis eficiente e sostible da enerxía, nun contexto no que os custos enerxéticos seguen a ser unha das partidas máis relevantes nos orzamentos municipais.
Esta medida enmárcase na liña de traballo que o Concello vén desenvolvendo nos últimos anos para mellorar a eficiencia enerxética, complementando outras actuacións como a renovación do alumeado exterior con tecnoloxía LED e a modernización das instalacións municipais.








Comentarios