top of page

Silleda acolle a saída da XVIII Ruta Turística A Lanzada, de vehículos clásicos, do Club AVA

28 may
2 min de lectura

A proba, que terá lugar esta fin de semana, reunirá vehículos clásicos nun percorrido con saída desde Silleda, visita ao museo de Autocares Cuiña e destino á comarca do Salnés


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda acolle este sábado a saída da XVIII Ruta Turística A Lanzada, unha iniciativa organizada polo Club AVA –Amigos dos Vehículos Antigos-, entidade que conta xa con 42 anos de historia desde a súa creación en 1984. A ruta celebrarase os días 30 e 31 de maio, con saída desde Silleda e chegada o sábado á contorna da Lanzada. A actividade reunirá a afeccionados e afeccionadas aos vehículos antigos nun percorrido turístico e cultural que combinará patrimonio, convivencia e promoción do territorio.

A presentación da ruta tivo lugar onte coa participación de directivos do Club AVA, Manuel González (Tesoureiro) e Enrique Vázquez (Secretario) da alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, e das concelleiras Mónica González, Ángela Troitiño e Estafanía Taín.


Desde o Concello de Silleda destacan a importancia de acoller a saída dunha cita consolidada dentro do calendario de actividades vinculadas ao mundo do motor clásico. “Para Silleda é unha satisfacción ser punto de partida dunha ruta con tanta traxectoria, que pon en valor o patrimonio automobilístico e, ao mesmo tempo, contribúe á dinamización turística e social do noso municipio”, sinalan desde o goberno local.


A programación prevista para o sábado comezará coa apertura do parque na rúa do Progreso, en Silleda, onde permanecerán expostos os vehículos participantes antes da saída. Posteriormente, visitarán o Museo do Autobús da empresa Cuiña, sita na propia rúa Progreso. E a continuación iniciarase o percorrido cara á comarca do Salnés, con distintas paradas ao longo da xornada e chegada ao hotel da Lanzada.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

O domingo a ruta continuará con visitas e actividades na zona, un percorrido polo Concello de Sanxendo e a visita á adega Terras Asorei, antes da comida coa que se pechará o encontro.


O Club AVA, fundado en 1984, é unha das entidades de referencia na promoción, conservación e difusión dos vehículos antigos, cunha longa traxectoria na organización de encontros, rutas e actividades que permiten achegar este patrimonio á cidadanía.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

A XVIII Ruta Turística A Lanzada conta coa colaboración do Concello de Silleda e doutras entidades colaboradoras. Para a concentración, estará pechada ao tráfico a rúa Progreso (dende Condes do Deza ata o cruce con Emilio Alonso Paz) e con restriccións de estacionamento o sábado dende as 14:00 horas.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page