Ecos da Comarca/Santiso
Este sábado 18 de xaneiro, no Local Social de Visantoña (Santiso), celebrouse un acto informativo sobre as consecuencias e ameazas da eventual instalación de Altri na Ulloa e da mina de cobre a ceo aberto nos municipios de Touro e O Pino. No encontro participaron representantes das asociacións e/ou plataformas Santiso Vivo, a Plataforma en Defensa da Ría da Arousa (PDRA), A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non.

Comezou falando unha representante de Santiso Vivo dando a benvida e expoñendo as consecuencias de ALTRI para a súa comarca. Tras el interveu Xoán Louzao, representante de ADEGA, que describiu a experiencia sufrida cando funcionou a antiga mina de cobre de Touro, que agora se pretende reabrir. Lembrou a destrución do entorno da mina, o alto grao de contaminación da atmosfera e dos regatos da contorna, tributarios do Ulla. Un deterioro causado que nunca se reparou tras o peche da antiga mina, a pesares da obriga legal que recaía sobre empresa. Sinalou Louzao "a gravidade de que agora se pretenda reabrir a mina co mesmo proxecto que foi lexitimamente rexeitado pola Administración
e isto se faga coa complicidade da Xunta de Galiza". Para Adega estes proxectos, Altri e a Mina de Touro, son unha ameaza para o conxunto de Galicia.
Obdulia Lareo, representante da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, abordou polo miúdo unha descrición das consecuencias que o proxecto da mina traería ineludiblemente para os veciños e veciñas de toda da contorna. Sinalou "os danos da inevitable contaminación das augas dos ríos e do aire, que afectaría á saúde e calidade de vida das persoas que hoxe viven arredor da cunca do Ulla, ata a Arousa". Explicou "a incidencia negativa destes proxectos na economía, ao prexudicar gravemente a actividades centrais da economía destas comarcas e da galega: agricultura, gandaría, pesca, marisqueo e ata o comercio que se nutre destas actividades económicas". Incluso, aclarou, que incidiría "negativamente no propio Camiño de Santiago que discorre, nas súas últimas etapas, xusto
polas comarcas que serían directamente afectadas por Altri e pola mina de cobre a ceo aberto de Touro-O Pino".
Publicidade
Xaquín Rubido, en da PDRA, incidiu "en como ambos dous proxectos afectan gravemente á supervivencia da Ría de Arousa, un espazo natural xa agredido e afectado por múltiples factores contaminantes. E como esa ría, a máis importante de Galicia nos aspectos ecolóxico, económico e social, en lugar de ser restaurada e protexida polas institucións galegas, a Xunta de Galicia parece amparar dous proxectos gravemente agresivos para ela e para toda a cunca do Ulla". Rubido subliñou que os proxectos de Altri e a Mina de Touro-O Pino, "forman parte dunha mesma grave ameaza parao conxunto de Galicia, polo que a resposta veciñal e cívica debe producirse solidariamente en todo o país, porque somos todos os galegos os afectados directamente".
Comments