Rueda anuncia nove concentracións parcelarias en sete concellos, entre eles en Touro e Melide
Estas reorganizarán máis de 8.900 hectáreas e beneficiarán a 5.600 propietarios
Laura Moure/Touro/Melide
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor a aprobación hoxe no
Consello da Xunta de novas concentracións parcelarias. Trátase dun total de nove,
localizadas en sete concellos galegos e que reorganizarán máis de 8.900 hectáreas de terro e beneficiarán a 5.600 propietarios. Entres estes figuran Touro e Melide.
Rueda enxalzou a figura da concentración parcelaria por ser “instrumento fundamental”
para o desenvolvemento do agro galego xa que, segundo esgrimiu, permite reducir custos
ás explotacións; axuda a fixar pobación; ademais de que a considerou como “moi
importante” na prevención de lumes nos montes da comunidade.

O mandatario galego precisou que as concentracións parcelarias aplicaranse en Montes
de Fao e Novefontes (Touro), Lamas-Loureda-Sergude-Vigo (Boqueixón), Herbón (Padrón), Freixeiro (Santa Comba), Castenda (Tordoia), Baltar-Golán-Grobas (Melide) e as de Arcillá-Bestar-Vilar-Sisoi, Lamas e Roás (as tres en Cospeito). Son, en total, 562 explotacións activas situadas nestes municipios, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.
Rueda salientou o “investimento forte” en concentración parcelaria por parte da Xunta, xa
que se leva achegado máis de 118 millóns de euros desde 2009 e adiantou que o Goberno
galego seguirá a traballar nesta dirección. De feito, anunciou que no 2023 incrementarase
ata os 17 millóns de euros a partida para continuar con estes procesos.
Procesos decretados e rematados
O presidente da Xunta apuntou que, desta forma, entre os anos 2021 e o que levamos de
2023, decretáronse 27 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total
de 22.589 ha e 107.317 parcelas de 15.387 titulares. Cabe sinalar que, con estes decretos, a Xunta cumpre o seu compromiso de decretar unha nova concentración parcelaria por cada proceso finalizado. Desta forma, conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións.
Entre o ano 2020 e o 2022, a Xunta rematou un total de 24 concentracións parcelarias,
que abarcaron unha superficie total de máis de 17.400 hectáreas, beneficiando preto de
11.300 propietarios que recibiron máis de 25.500 títulos de propiedade. En ambos os
casos, o obxectivo é acadar a trintena de procesos -decretados e finalizados- no primeiro
semestre deste ano.
Lei de recuperación
As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o
minifundismo presente na nosa comunidade, desde o punto de vista da estrutura da
propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de concentración máis de 118
millóns de euros desde o ano 2009, e o orzamento previsto para 2023 é de 17 millóns.
Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da
terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para
culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia
(Metaga).
Así, na nova lei apóstase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que
permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os
polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou
as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, estase a mellorar a
estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa
rendibilidade.








Comentarios