Rodeiro pide á Xunta e á Deputación inversións e clarificación sobre a titularidade das vías municipais
- ecosdacomarca

- hace 15 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O Pleno do Concello de Rodeiro aprobou onte unha moción na que se solicita á Xunta de Galicia a inclusión de varias actuacións prioritarias nos orzamentos autonómicos, así como unha petición á Deputación de Pontevedra para clarificar e desbloquear a permuta de estradas entre ambas administracións.
Entre as principais demandas á Xunta, a Corporación acordou solicitar: 3.300.000 euros para a construción da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Rodeiro,
5.000.000 euros para vivenda pública, 800.000 euros para rematar o Centro de Día e o Punto de Atención á Infancia (PAI), e a pavimentación integral da estrada entre A Lalín e o Alto do Faro, dando continuidade ás melloras xa executadas ata Chantada.

Tamén se tratou unha moción do grupo municipal do Partido Popular, na que se propoñía poñer a disposición da Deputación de Pontevedra os terreos da estrada entre As Devesas, Carboentes e Arnego.
O alcalde, José Luís Camiñas, explicou que o Concello xa remitiu á Deputación unha proposta formal de permuta de titularidade de estradas, que incluía os tramos Vilafrío–Portela, cruce de Perros–Vistuide e Couso–límite con Ourense, sendo este último rexeitado pola Deputación. Por este motivo, o rexedor solicitou ao Partido Popular de Rodeiro e á propia Deputación que aclaren que estradas pretenden considerar de titularidade provincial, pasar a titularidade municipal dado que non chegan os quilómetros ofertados e cantos quilómetros se incluirían finalmente na permuta, co obxectivo de avanzar con rigor e poñer fin a esta situación de indefinición.
Publicidade
“Queremos resolver esta cuestión dunha vez por todas, con claridade e lealdade institucional”, subliñou o alcalde José Luís Camiñas, quen insistiu en que “Rodeiro necesita certezas e compromiso real por parte da Deputación de Pontevedra”. "A casa empezase polo tellado, primeiro un convenio, despois proxecto de Trazado e a continuación expropiación. A proposta do concello está na Deputación".







Comentarios