top of page

Rodeiro inicia unha colecta para sufragar os custos de repatriación tras a morte dun veciño de Senegal

Ecos da Comarca/Rodeiro

O Concello de Rodeiro está de loito por Samba. Era un veciño que chegou desde Senegal na procura dun futuro mellor. "Coa súa bondade e os seus ollos alegres, conquistou o cariño de todos nós. Hoxe o noso pobo ten o corazón encollido", sinala o Concello a través das súas redes sociasi.

Dende o Concello de Rodeiro, xunto coa axuda de moitas veciñas e veciños, iniciaron unha colecta para sufragar os custos da súa repatriación a Senegal.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Se queres colaborar, podes facer a túa achega no seguinte número de conta:

• IBAN: ES41 2080 0507 7231 1000 0072


"Calquera axuda, por pequena que sexa, conta moito para que a súa familia poida despedilo como merece. Descansa en paz, Samba. Grazas por facer de Rodeiro un lugar máis diverso, máis humano e máis tolerante".

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Samba tiña 48 anos, traballaba nunha granxa en Camba e faleceu a causa de cancro.


Alba Forno escribe este artigo:


O que nos deixou Samba, o noso veciño

"A vida dalgunhas persoas que viven ó noso carón, a miúdo resúltanos allea e pasan por onda nós sen pena nin gloria.


Non é o caso de Samba.


Samba chegou a España dende o Senegal vai case dúas décadas na procura dunha vida mellor. Foi saltando dunha comunidade a outra, traballando arreo para gañar o sustento co que poder vivir e, de ser posible, poder axudarlle ós fillos e á familia que deixara atrás.

Foi feirante, recolleu froita, muxiu vacas e limpou granxas ata que conseguiu o contrato de traballo que lle permitiu regularizar a súa situación no noso país, que tamén era o seu. Seguiu traballando en granxas e en matadoiros. Todo mellorou para el e para nós como sociedade cando acadou os papeis.


Samba chegou a Rodeiro plenamente integrado, convivindo coa veciñanza, saudando cada día ó pasar, cotizando, orgulloso de España ata na roupa, traballando e consumindo no pobo. Gustábame botar o conto con el e escoitar as súas vivencias, aprendín máis del do que puido aprender el de min.


De súpeto, truncóuselle a súa saúde non hai moito; xusto cando a súa vida estaba encamiñada. Foi precisamente neses momentos cando sentiu o alento dos veciños e veciñas, quen se esforzaron por estar ao seu carón, axudándolle cos trámites, preocupándose e falando coa súa familia de Senegal. Isto foi mostra do respecto que el mesmo se gañara, así como do apoio dunha comunidade que o acolleu sen dubidalo.

Tristemente, faleceu o domingo sen que chegaran os seus fillos a tempo para acompañalo, deixando como último desexo o encargo de agradecer aos veciños e veciñas de Rodeiro o apoio.


Como este caso haberá milleiros, por iso é necesario dar a coñecer esta historia que pasou aquí, en Rodeiro, preto de todos e todas.


É de xustiza dicir que Samba achegou máis á nosa sociedade do que nós lle puidemos dar a el. Ogallá teña máis sorte na outra vida, se é que a hai, ca que tivo nesta".


Alba Forno Crespo


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page