Rodeiro impulsa novas contratacións, concede as axudas culturais e avanza no centro de día e no PAI
Ademais pretente abrir a piscina municipal este mes de xuño
Laura Moure/Rodeiro
Na última sesión da Xunta de Goberno Local, o executivo municipal de Rodeiro aprobou a concesión das axudas culturais correspondentes ás actividades desenvolvidas durante o ano 2025 polos diferentes colectivos sociais e culturais do concello, cun importe total de 20.000 euros.
A concelleira de Cultura, Xulia Dacal, destacou a importancia desta convocatoria como ferramenta de apoio ao tecido asociativo local. “Estas axudas permiten que as asociacións continúen desenvolvendo unha ampla programación de actividades culturais, sociais e de lecer ao longo de todo o ano, contribuíndo a manter vivas as nosas tradicións e a dinamizar a vida nas parroquias”, sinalou.

Pola súa banda, o alcalde en funcións, Alberte Lamazares, subliñou que o Concello mantén unha firme aposta pola colaboración coas entidades locais, incrementando de forma notable os recursos destinados a esta convocatoria respecto de etapas anteriores e recoñecendo o importante labor que desenvolven no conxunto do municipio.
Por outra banda, dentro da convocatoria do Fondo Adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a investimentos de carácter estratéxico, o Concello de Rodeiro solicitou unha axuda de 500.000 euros para a construción do futuro Centro de Día e Punto de Atención á Infancia (PAI).
PUBLICIDADE
Segundo explicou Begoña Vazquez, responsables da área de Servizos Sociais, “dende o primeiro momento marcamos como unha prioridade a atención ás persoas, tanto aos máis pequenos como aos nosos maiores. Este proxecto permitirá ofrecer novos servizos fundamentais para as familias de Rodeiro e contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
No ámbito dos servizos municipais, o Goberno local aprobou tamén a contratación de cinco traballadores que se incorporarán á brigada municipal, reforzando así os labores de mantemento e conservación do viario público. Estes efectivos centraranse principalmente na mellora das pistas e camiños das distintas aldeas do concello, desenvolvendo tarefas de desbroce, limpeza e bacheo que contribuirán a mellorar a seguridade e a mobilidade no rural.
A maiores, acordouse a contratación dun enxeñeiro forestal, unha incorporación que permitirá ao Concello avanzar na planificación e desenvolvemento de actuacións relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais, a elaboración de plans de actuación e protección, así como na definición de propostas produtivas para zonas afectadas polo abandono e a infrautilización do territorio.
Segundo informou Alberte Lamazares, estas contratacións “permitirán reforzar a capacidade de actuación do Concello en ámbitos prioritarios para os veciños e veciñas, mellorando os servizos municipais e os accesos as aldeas e avanzar na posta en marcha de proxectos que contribúan ao desenvolvemento do noso territorio”, traballo que coordina Manuel Deza como responsable da área de Medio Ambiente e Servizos Basicos.
PUBLICIDADE
Por último, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases para a contratación de dous socorristas de cara á próxima tempada estival. Con esta medida, o Concello continúa consolidando a súa aposta pola piscina municipal e polas actividades que nela se desenvolven, como os cursos de natación, as sesións de aquagym ou a tradicional festa de inchables.
Neste sentido, Alberte Lamazares sinalou que o Goberno municipal está a traballar para que a piscina municipal poida abrir as súas portas ao público durante este mesmo mes de xuño, ofrecendo un espazo de lecer, deporte e convivencia para toda a veciñanza durante o verán. “Queremos que a piscina siga sendo un punto de encontro para nenos, mozos e maiores, e que continúe ampliando a oferta de actividades deportivas e de lecer durante os meses estivais”, concluíu.









Comentarios