top of page

Rodeiro dá un prazo á Deputación para desbloquear dous investimentos que superan o millón de euros

O Goberno municipal anuncia unha iniciativa para reprobar ao presidente da Deputación, Luis López, se non se producen avances antes do próximo pleno, que será o 14


Laura Moure/Rodeiro

O Concello de Rodeiro anunciou onte que levará ao próximo Pleno municipal, previsto para o 14 de setembro, unha iniciativa en defensa dos intereses do municipio ante o atraso na tramitación de dous importantes investimentos financiados con fondos da Deputación de Pontevedra. A iniciativa, que incluirá a proposta de reprobación da actuación do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, tamén concelleiro en Rodeiro, poderá ser retirada no caso de que a institución provincial dea luz verde aos investimentos pendentes antes da celebración do pleno.


O Goberno municipal considera que a Deputación ten aínda dúas Xuntas de Goberno antes da sesión plenaria para resolver unha situación que está impedindo avanzar en dous proxectos de especial importancia para o desenvolvemento do concello.

Alberte Lamazares, alcalde en funcións de Rodeiro.
Alberte Lamazares, alcalde en funcións de Rodeiro.

Un deles é o proxecto de mellora da estrada en dirección á parroquia de Carboentes, cun investimento de 494.723,32 euros, que afecta tamén á parroquia de Arnego e que se financia con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.


O Concello de Rodeiro considera especialmente difícil de comprender a demora neste expediente tendo en conta que a Deputación xa aprobou 143 solicitudes dentro do Plan +Provincia, iniciándose as primeiras aprobacións xa no mes de abril e estando aprobada na actualidade a práctica totalidade das actuacións correspondentes a este programa.

A actuación prevista permitirá mellorar unha infraestrutura fundamental para unha das zonas con maior actividade económica e social do municipio.


O segundo investimento pendente corresponde á reurbanización da Rúa A Raña, un proxecto cun orzamento aproximado de 588.000 euros, dos que 500.000 euros corresponden ao financiamento provincial previsto dentro do Plan Provincia Extraordinaria 2025.


Estes fondos están destinados aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes e o Concello de Rodeiro considera que, do mesmo xeito que ocorre cos recursos do Plan +Provincia, debe poder dispoñer do financiamento que lle corresponde para impulsar investimentos necesarios para o municipio.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Desde o Goberno municipal insisten en que Rodeiro non está reclamando ningún trato de favor, senón que se tramiten e aproben con normalidade os investimentos que lle corresponden dentro dos programas provinciais de cooperación. "Non estamos pedindo máis cartos que ninguén nin ningún privilexio. O que pedimos é que Rodeiro reciba o mesmo trato que o resto dos concellos e que se nos permita executar investimentos fundamentais para o noso futuro», sinalan desde o Goberno municipal.


Dúas Xuntas de Goberno antes do Pleno

O Concello destaca que antes do Pleno municipal do día 14 de setembro a Deputación celebrará dúas Xuntas de Goberno, nas que podería dar un paso adiante na tramitación dos investimentos pendentes.


Por este motivo, o Goberno municipal deixa aberta a posibilidade de retirar a iniciativa de reprobación se antes desa data se producen avances efectivos. "O noso obxectivo non é a confrontación nin reprobar a ninguén por reprobar. O que queremos é defender os intereses de Rodeiro. Se a Deputación resolve esta situación antes do pleno, teremos conseguido o que pretendemos e non será necesario continuar coa iniciativa", indican.


A proposta de acordo tamén abordará a necesidade de normalizar as relacións institucionais entre a Deputación e o Concello de Rodeiro. O Goberno municipal denuncia "que en determinadas ocasións cargos institucionais da Deputación realizaron visitas ao municipio sen comunicar previamente a súa presenza ao Goberno local, mentres que si se produciron contactos coa oposición municipal". Desde o Concello aclaran que todos os grupos políticos teñen plena liberdade para manter as relacións e reunións que consideren oportunas, pero consideran que as relacións institucionais dunha administración provincial co municipio non poden desenvolverse ignorando ao Goberno municipal.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A situación resulta especialmente significativa, segundo o Goberno de Rodeiro, polo feito de que o presidente da Deputación de Pontevedra é tamén membro da Corporación municipal. "Quen é concelleiro de Rodeiro debe defender os intereses do noso concello, con independencia das responsabilidades que exerza noutras institucións. Non entendemos que investimentos que afectan directamente ao noso municipio continúen paralizados mentres a práctica totalidade das actuacións doutros concellos xa avanzaron", conclúen desde o Goberno municipal.


O Concello de Rodeiro insiste en que a Deputación aínda está a tempo de dar unha resposta antes do 14 de setembro e desbloquear dous investimentos que, no seu conxunto, supoñen unha mobilización de recursos próxima aos 1,1 millóns de euros para o municipio.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page