Rodeiro dá conta ao pleno dunha liquidación de 2025 que "confirma a súa boa saúde económica"
- ecosdacomarca

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O Concello de Rodeiro deu conta no pleno celebrado onte da liquidación do exercicio económico correspondente ao ano 2025, que reflicte un remanente de tesouraría de 586.000 euros. "Este dato confirma que o Concello atravesa unha das mellores situacións económicas dos últimos anos, con débeda cero e queda toda información desacreditada e vertida por Cati Somoza de que fundiramos os remanentes", recalca o alcalde, José Luis Camiñas.
Esta cifra, apunta o rexedor, "cobra especial relevancia tendo en conta que nos exercicios anteriores o Goberno municipal tivo que facer fronte ao pago de facturas pendentes de etapas anteriores, que non foran aboada no seu momento. Así mesmo, no pleno tamén se abordou un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 89.665 euros, correspondente a facturas que quedaron pendentes de aplicar ao orzamento de 2025".

Neste sentido, o Goberno municipal considera necesario aclarar que esta cifra contrasta coas manifestacións realizadas pola portavoz do Partido Popular, Cati Somoza, "quen afirmou publicamente que existían máis de 300.000 euros en facturas sen pagar ao peche do exercicio. Os datos oficiais da liquidación evidencian que o importe real ascende a 89.665 euros".
Cómpre lembrar, apunta o mandatario, "ademais, que en xullo de 2024 o propio pleno do Concello aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 140.000 euros correspondente a facturas de transporte de zahorra, que contaron co voto favorable do Partido Popular, recoñecendo así a existencia de facturas sen pagar procedentes de etapas anteriores".
No ámbito das infraestruturas de telecomunicacións, o pleno tamén debateu unha moción presentada polo Partido Popular relativa á cobertura de fibra óptica no municipio. A proposta foi emendada polo grupo de goberno (PSdeG-PSOE e Unidade por Rodeiro), saíndo adiante esta emenda cos votos favorables do executivo municipal.
PUBLICIDADE
"A emenda aprobada sinala que a extensión da fibra óptica no concello xa se atopa comprometida, polo que non procede reclamar ao Goberno do Estado novas actuacións neste sentido, senón instar a que se esixa ás empresas adxudicatarias o cumprimento efectivo do despregue ata acadar o 100% do territorio", explica.
En relación coa cobertura 5G, o Goberno municipal puxo en valor os avances acadados no actual mandato, no que se instalaron dúas torres de telecomunicacións no concello. Así mesmo, lembrou que existía un convenio previo coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ao que o Concello se adheriu en anteriores mandatos, que contemplaba a instalación de cinco torres.
Porén, segundo se puxo de manifesto no pleno, durante esa etapa non se puxeron a disposición os terreos necesarios nin se habilitaron accesos para a instalación das infraestruturas, o que impediu a execución completa do convenio. Esta falta de actuación provocou a perda de tres das cinco torres previstas.
PUBLICIDADE
Como consecuencia, no actual mandato só foi posible executar dúas infraestruturas, quedando pendentes tres localizacións nas zonas de Cristimil, Pedroso e Val de Camba. O Concello xa trasladou á AMTEGA a necesidade de retomar estas actuacións para garantir unha cobertura 5G completa en todo o municipio.
O Goberno municipal reitera o seu compromiso coa transparencia, a responsabilidade na xestión dos recursos públicos e o impulso de melloras que contribúan ao desenvolvemento e á calidade de vida da veciñanza.








Comentarios