top of page

Rexistradas case 340 alegacións contra os proxectos de tres viñedos industriais no concello de Vedra

A Asociación Defensa da Ulla Verde e o Sindicato Labrego Galego solicitan a non aprobación da AIA da solicitude de cambio de uso forestal a agrícola


Ecos da Comarca/Xeral

A Asociación Defensa da Ulla Verde e o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla entregaron arredor de 340 alegacións ao Anuncio do 8 de abril de 2025, da Consellería de Medio ambiente e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a Avaliación de Impacto Ambiental simplificada (AIA), do cambio de uso forestal a agrícola de varias parcelas, na parroquia de Ponte Ulla, San Pedro de Sarandón e Trobe no concello de Vedra, A Coruña. Estas foron as alegacións recollidas a través das citadas organizacións, pero temos constancia de que tamén hai un número delas entregadas a título individual.


"Nas mesmas, logo dunha ampla e detallada exposición de motivos, solicitamos a emisión dunha declaración negativa, así como a non aprobación da Avaliación de Impacto Ambiental simplificada deste cambio de uso forestal a agrícola. Requirimos, asemade, que non se poidan facer máis avaliacións de impacto ambiental parcela a parcela ou proxecto a proxecto na comarca sen antes realizar un fondo estudo dos impactos xa xerados en toda a comarca polos proxectos existentes. Este deberá ser realizado por parte dun equipo de persoal cualificado en todos os aspectos nos que impactan estes proxectos e todos os membros teñen que demostrar claramente non estar inmersos en conflitos de intereses", recalcan.

Como veñen alertando nas últimas semanas, "a saúde, a biodiversidade, a paisaxe e a economía local da comarca están sendo seriamente ameazadas pola expansión do viñedo industrial que prolifera a ambos lado do río Ulla, ao que se suma este novo proxecto da Adega Martín Códax que afectaría a máis de 18,5 Ha no concello de Vedra".


Os centos de alegacións dirixidas á Consellaría de Medioambiente "son boa mostra da preocupación crecente entre a poboación da comarca, na que o número de hectáreas adicadas ao viñedo industrial aumentou alomenos un 341,53% entre 2000 e 2024, pasando dos 93.606 kg de uva recollida no ano 2000 aos 2.677.579 kg de 2024. Esta tremenda escalada en dúas décadas conlevou unha modificación masiva e a todos os niveis deste territorio, no marco da cal a nova ampliación de viñedo que se propón viría a agravar inda máis a actual situación de masificación e de contaminación do medio ambiente".


Existe, apuntan, "tal volume de plantación de viñedo industrial que non é de recibo realizar valoracións de impacto ambiental de novas solicitudes de reconversión a plantacións de viño de xeito individual obviando este escenario de monocultivo. Todos os tipos de impactos posibles, tales como o paisaxístico, ambientais, afectación de pesticidas, herbicidas e fitosanitarios etc. deben ser avaliados no seu conxunto. Como alerta a veciñanza, parcela a parcela estase a degradar o territorio e a paisaxe neste concello, que presenta xa un 5% da súa superficie total acaparada por este tipo de viñedos industriais, unhas cincocentas hectáreas".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A plantación industrial á que alegan linda coa Rede Natura 2000, "polo que afectaría de xeito directo ao patrimonio medioambiental, con fondos impactos no solo, aire, auga flora e fauna. Tamén industrializaría a paisaxe da beira do río Ulla, con terreos en pendente e risco de erosión, requirindo de talas que nin sequera están correctamente identificadas no propio proxecto. Outra das problemáticas é a concentración do uso de herbicidas, especialmente preocupante se temos en conta que o glifosato, clasificado como probable carcinóxeno, está xa especialmente presente en Galiza e na comarca do Ulla. Tal como se recoñece na páxina 54 do informe de impacto ambiental, o efecto acumulativo dos fitosanitarios que contaminan o aire é notable debido ao aumento exponencial de hectáreas adicadas a viñedo industrial nos últimos anos".


A Asociación Defensa da Ulla Verde e o Sindicato Labrego Galego da Comarca da Ulla consideran "inadminisible que nestes momentos se entregue unha avaliación de impacto ambiental para o cambio de uso de terreo forestal a agrícola para a plantación de viño albariño sen unha reflexión minimamente seria sobre o feito obxectivo da expansión do viñedo industrial do Concello de Vedra e na propia comarca, e instamos á inmediata paralización dos novos proxectos solicitados".


Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page