Ecos da Comarca/Deza
A pasada fin de semana celebrouse unha nova edición do Rallye Sur do Condado. Unha
proba na que Víctor Senra e David Vázquez lograron unha vez máis unha cómoda vitoria a
bordo do espectacular Citroen C3 WRC. Salvaterra de Miño foi o centro neurálxico da quinta proba do Campionato Galego de Rallyes, e a segunda ocasión en que José Pintor acompañaba ao dezá Javier Ramos.
Debido a que o habitual Peugeot 208 T16 R5 estaba en revisión, o equipo tivo que utilizar o
Volkswagen Polo GTI R5 do equipo ArVidal Racing. Na mañá do sábado a proba comezou con chuvia intensa en Arbo o que fixo que os participantes tivesen que asumilo con moita calma e minimizar os riscos en condicións desfavorables, sobre todo cando os treitos restantes estaban prácticamente secos. A medida que avanzaba o rallye, Ramos e Pintor adaptábanse mellor ao Volkswagen Polo e comezaron a remontar posicións, chegando á última especial da xornada na 4ª posición da Clasificación Xeral cunha escasa marxe sobre Alexis Vieitez que á súa vez era líder da Copa N5.
Publicidade
“Comezamos con moita cautela debido á choiva. A medida que os treitos se secaban o noso ritmo foi máis acorde co rendemento do Polo R5. Pola tarde, o coche tiña unha mellor
configuración e permitiunos subir ata o cuarto posto. Poder contar con Pintor á dereita foi
moi positivo. A súa experiencia e coñecementos estánnos axudando a mellorar certos
aspectos que nos permiten conducir con máis comodidade e obter un mellor rendemento do coche”, sinala Ramos.
Ademais da 4ª posición da Clasificación Xeral de Scratch, Javier Ramos e Jose Pintor volveron rematar no podio da COPA R5, consolidándose así na 2ª posición da clasificación xeral da mesma por detrás de Alberto Meira e Avelino Martínez.
A vindeira cita na que participará o equipo será o Rallye Pazo Tizón que percorre a comarca do Carballiño. A proba do Campionato Galego máis próxima do equipo.
Comments