Ecos da Comarca/Lalín
O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, cualifica de “intolerable” que o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luís López, viñese este mércores a Lalín “a incendiar a campaña electoral das municipais”. Para Cuiña, as declaracións de López son “moi sintomáticas e reveladoras do medo no que está definitivamente instalado o PP ante a cada vez máis grande probabilidade de perder a Alcaldía de Lalín”.
“Cada día que pasa os populares andan máis nerviosos ao comprobar como os números seguen sen darlles para revalidar o goberno”, di. Neste contexto, “parece que so lles queda o recurso de empregar a estratexia do descrédito e a difamación contra Compromiso e as formacións que xestionamos o Concello no anterior mandato”, afirma.
En calquera caso, “visto o interese que ten en propiciar o enfrontamento con Compromiso”, Cuiña amósase disposto a debater con Luís López cando queira sobre política municipal e xestión no concello de Lalín. Deste xeito, ademais, compensaríase a negativa de Crespo a facer un cara a cara con Cuiña, “algo tamén moi significativo do temor que ten o actual alcalde a quedar en evidencia e seguir perdendo apoios e de como entenden a política no PP”.

Cuiña considera “aínda máis inadmisible que Luís López só veña a Lalín a disparar politicamente contra CxL, cando nos últimos anos só se lle coñecen visitas para participar en papatorias, saraos e todo tipo de eventos gastronómico-festivos”.
Como presidente provincial do PP e como delegado da Xunta en Pontevedra, “agradeceríamos que estivese máis dilixente para dar explicacións polo retraso de catro anos nas obras do CIS ou pola falta de chan industrial debido ao bloqueo sistemático á ampliación do polígono”. “A próxima vez pode empezar por aí as súas críticas, aínda que as faga adoptando un ton máis construtivo que o que empregou con nós”, suxire Cuiña.
A maiores, a Cuiña ás declaracións de López parécenlle unha “falta de respecto” cara os seus rivais políticos e cara toda a veciñanza que apoia outro modelo político diferente que representa o PP e que aposta por un cambio de rumbo nas vindeiras eleccións municipais. “Está claro que representamos dúas formas radicalmente opostas de entender a vida política e o servizo público”, di Cuiña.
Así, “mentres nós estivemos onte presentando alternativas para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas no rural, o PP dedicouse a enlamar a campaña con declaracións intolerables e sen fundamento”, relata. “Queda claro que o único que saben ofrecer á cidadanía é división e enfrontamento: nin unha soa proposta en positivo e nin un só gramo de autocrítica”, lamenta o candidato de CxL.
Por último, Cuiña considera “bastante esperpéntico” que esas críticas veñan do máximo responsable do PP na provincia de Pontevedra, que “a estas alturas debería estar máis preocupado pola seria posibilidade de que a súa formación sexa incapaz de conservar boa parte das súas alcaldías nos concellos da comarca de Deza”. Entre elas está a de Rodeiro, o municipio de Luís López, onde todo apunta a que “o PSOE lles vai dar un baño de realidade nas próximas eleccións”.
Comentários