Forno esixe a Crespo que recupere as patrullas nocturnas da Policía Local ante a falta de seguridade
Os socialistas advirten "de que se está estendendo entre a veciñanza a percepción de que a Policía Local está máis presente para impoñer multas de tráfico que para realizar labores de prevención e vixilancia"
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata socialista á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, esixe ao alcalde, José Crespo, que recupere as patrullas nocturnas da Policía Local e poña fin á falta de efectivos que sofre o corpo, especialmente durante as fins de semana. Os socialistas consideran que a sucesión de episodios violentos no casco urbano, como a pelexa multitudinaria rexistrada esta fin de semana na rúa B, está xerando unha preocupación crecente entre a veciñanza que require unha resposta inmediata do goberno municipal.

Forno sostén que “levamos demasiado tempo vendo como se deteriora a convivencia en determinadas zonas de Lalín mentres desapareceu a presenza habitual da Policía Local polas noites e non podemos resignarnos a que isto sexa o normal", afirma.
A voceira socialista denuncia que o goberno do PP "deixou debilitar progresivamente a Policía Local, que nos últimos anos viu reducida considerablemente a súa plantilla". Unha situación que o PSdeG-PSOE leva tempo denunciando e que, "malia as reiteradas promesas de Crespo, continúa sen resolverse".
PUBLICIDADE
A concelleira socialista recorda que “antes había patrullas polas noites e nas fins de semana, agora hai quendas sen cubrir e unha evidente falta de presenza policial nas rúas”. Así mesmo, considera que non é un problema dos axentes, que fan o que poden cos medios dispoñibles, senón dun goberno que leva anos sen planificar a reposición de efectivos”, critica.
Forno cuestiona que o alcalde centre habitualmente as súas reclamacións de seguridade na Garda Civil, mentres non asume as súas propias responsabilidades coa Policía Local. “Todos queremos máis medios para a Garda Civil, pero Crespo non pode esixirlles aos demais o que non fai nas súas competencias. A Policía Local depende directamente del e é a súa responsabilidade garantir que teña efectivos suficientes e que poida patrullar as rúas”, sinala.
PUBLICIDADE
Os socialistas advirten tamén de que se está estendendo entre a veciñanza "a percepción de que a Policía Local está máis presente para controlar os aparcadoiros e impoñer multas de tráfico que para realizar labores de prevención e vixilancia", polo que reclama que a Policía Local “ten que volver ser un servizo próximo, visible e útil para a seguridade cotiá dos veciños”.
O PSdeG-PSOE reclama ao goberno municipal o reforzo da Policía Local, coa cobertura das prazas vacantes, a incorporación efectiva dos novos axentes e unha reorganización das quendas que permita recuperar a presenza policial nocturna e de fin de semana.









Comentarios