Darío Rey traslada ao delegado do Goberno informes independentes sobre a mina de Touro-O Pino
Ecos da Comarca/Touro
O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Touro, Darío Rey, mantivo unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para trasladarlle dous informes periciais independentes sobre as posibles afeccións da mina de Touro-O Pino aos mananciais, os riscos para a saúde pública e o estado actual das augas do municipio. O obxectivo é que esta documentación chegue á Comisión Europea e permita revisar a consideración do proxecto mineiro como Proxecto Estratéxico Europeo (PIE), achegando información técnica independente que cuestiona a versión da empresa promotora.

En decembro de 2025, Darío Rey solicitara por carta á ministra para a Transición Ecolóxica unha reunión para que o Goberno de España coñecese a situación real de Touro e do proxecto mineiro. Porén, o Ministerio non respondeu a aquela solicitude e o encontro non chegou a producirse. Malia esta falta de resposta, o concelleiro considera "que aínda estamos a tempo de celebrar esa reunión e de que o Goberno estatal contribúa a trasladar ás institucións europeas toda a información dispoñible sobre o proxecto".
PUBLICIDADE
Rey agradeceu a disposición de Pedro Blanco para facer chegar esta documentación ás institucións europeas e insistiu na necesidade de que a Unión Europea actúe con obxectividade e rigor, contrastando a información da empresa promotora con avaliacións técnicas independentes e coa realidade do territorio.
Os informes achegados "cuestionan a información difundida pola empresa, que minimiza as posibles afeccións aos recursos hídricos e a desaparición de mananciais, así como a imaxe de aceptación social do proxecto que pretende transmitir, que non se corresponde coa oposición e preocupación existentes entre a veciñanza afectada".
PUBLICIDADE
Esta iniciativa busca tamén paliar a situación de indefensión da veciñanza, que non dispón das mesmas oportunidades para participar nos procesos de decisión europeos e achegar información propia sobre as consecuencias do proxecto, "sendo unha anomalía que neste procedemento de proxectos de interese estratéxico nin sequera existise un período de alegacións público".
Darío Rey considera fundamental que a Comisión Europea dispoña de toda a información relevante antes de tomar decisións irreversibles para o territorio. "O que pedimos é que Europa contraste a información da empresa con informes técnicos independentes e teña en conta a realidade de Touro e a voz da veciñanza, para que as decisións sobre o proxecto se adopten con rigor, transparencia e obxectividade e non en base a informacións e intereses de parte".









Comentarios