Que son os ‘therian’, a identidade que se volveu viral en redes sociais
- ecosdacomarca

- 21 feb
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Ultimamente seguro que viches en redes sociais, sobre todo en TikTok, a rapaces e rapazas que se identifican como therians. E que é un therian? Pois, de forma moi resumida, é unha persoa que se identifica a un nivel moi fondo, xa sexa espiritual ou psicolóxico, cun animal non humano. Non é que crean que son literalmente ese animal, senón que senten unha conexión moi forte con el.

Este tema estase a poñer moi de moda, e con iso chega a polémica, coma sempre. Vemos vídeos de xente correndo a catro patas, saltando, levando máscaras de animais... e claro, moitos non o entenden e critícano. Pero hai que parar un momento a pensar. Cal é o problema real?
Publicidade
Se o fan con educación, respectando o espazo e a tranquilidade dos demais, sen molestar a ninguén, non teñen dereito a expresarse e divertirse como queiran? Cada un de nós busca a felicidade á súa maneira. A algúns gústalles o fútbol, a outros ler, e a eles, pois gústalles conectar coa súa parte animal e expresalo deste xeito.
Publicidade
Quen somos nós, os que nos consideramos "normais", para dicirlle ao resto do mundo o que pode ou non pode facer? Moitas veces, os que máis xulgan son os que menos exemplo dan de nada. Se miramos ao noso redor, a sociedade "normal" está chea de comportamentos que si son daniños, egoístas ou directamente destrutivos. E nós, con que dereito imos sinalar a un adolescente que salta no bosque cunha máscara de raposo?
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Quizais, en vez de criticar tan rápido, deberiamos aplicar un pouco máis de empatía e deixar que cada un viva a súa vida. Se non fan mal a ninguén, cal é o problema? A diversidade fainos máis ricos como sociedade, non máis débiles. E se algo podemos aprender disto é a importancia de respectar as diferentes formas de ser e de sentir. Ás veces, os que se consideran "normais" son o mellor exemplo do que non se debe facer. Deixemos vivir e centrémonos en ser mellores persoas nós mesmos.








Comentarios