Ambos partidos da oposición queren deixar ben claro que o culpable disto é o goberno de Crespo por se se produce o cambio de Alcaldía
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín e Compromiso por Lalín cuestionan " a perda de fondos europeos por non levar a cabo a reforma de Donramiro nos prazos estipulados". Ambos partidos da oposición recriminan esta situación e piden explicacións.
O PSOE de Lalín pode afirmar con rotundidade que “Crespo vai perder, polo menos, 740.000 euros de Fondos Europeos por mor de non levar a cabo a Rehabilitación de Donramiro a tempo”. Os socialistas lembran que eses son os fondos europeos mínimos dedicados a esa actuación, pero que incluso poden ser máis por cambios e trasvases nas liñas de actuación. Ante isto, o concelleiro Mario López sinalou que xa foi solicitada toda a documentación: “Crespo di que queda para o seguinte mandato, pero non di toda a verdade, vai perder centos de milleiros de euros do DUSI”.

O Goberno Local tiña coñecemento, dende xuño de 2019, de que esa actuación e todas as do Lalín Ssuma 21 tiñan que estar rematadas en decembro de 2022, logo houbo unha prórroga do Goberno ata finais de 2023, pero as normas orzamentarias europeas non
permiten superar máis de 3 anos o límite do marco financieiro plurianual. A coñecida norma N+3 dos orzamentos europeos impide que se supere en máis de tres anos do último ano do marco financieiro polo que “o que non estea rematado totalmente o 31 de
decembro de 2023 pérdese por completo, aínda que estivera a obra en marcha”, detallan desde o PSOE.
Deste xeito López destaca que “poñémolo xa en coñecemento da cidadanía, pois ante un
cambio de Goberno debe quedar claro quen foi o responsable da perda desa cantidade” e
sinala que “se os socialistas acadamos o Goberno imos atopar novos fondos para facer o
proxecto realidade; xa o fixemos en 2016 e volverémolo facer ante a inoperante xestión
de Crespo”.
Desde o PSOE lamentan que a estratexia dilatoria de grandes obras do DUSI para evitar que se relacionaran co Goberno anterior “levou ao Concello a poñer en risco o financiamento de obras moi importantes. Débelle explicar á veciñanza por que perderá
estes cartos e cales son os motivos para retardar estas obras que deberían haber
rematado no pasado ano e que a estas alturas nin se licitou”.
Os socialistas consideran que “catro anos foron máis que suficientes para desenvolver o
proxecto e construílo cando eles mesmos afirmaban en 2021 que estaría rematado a
finais de 2022 e incumpriron” e cre que “é moi grave que Crespo diga xa que non se vai
facer neste mandato e non conte toda a verdade”, conclúe o concelleiro.
Pola súa banda, o candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, advírtelle a Crespo que só el será o responsable da posible perda dunha inxente cantidade de fondos europeos pola demora en activar as obras de rehabilitación do núcleo de Donramiro. Cuiña lembra que leva tempo alertando da posibilidade de que non se executen esas actuacións en tempo e forma, o que conlevaría a perda dunha importante cantidade de fondos
europeos conseguidos polo anterior goberno. Incide en que a súa obriga como alternativa de goberno é “advertir dunha circunstancia que non desexa que aconteza”.
Agora, o goberno de Crespo di que garante que esa rehabilitación se vai facer antes do 31 de decembro. “Queremos saber como se garante esta cuestión cando o proxecto aínda non está nin adxudicado e as obras deberían estar concluídas antes do remate do presente ano”, subliña. Neste escenario, afirma que “está claro que existe un serio risco de perder esa parte dos fondos DUSI”, ao tempo que recorda que “xa se terían perdido se non fose porque lles concederon unha prórroga”. Alerta de que non hai a posibilidade de que o Concello poida acceder a unha segunda, polo que o escenario é “realmente preocupante”.
Así, malia as advertencias de Cuiña, Crespo aínda non lle explicou á veciñanza por que non se cumpriron os prazos que foi adiando ao longo destes catro últimos anos de xeito reiterado e en sucesivas ocasións. “Por que sempre anuncia o que se vai facer e non dá a cara cando non se fai?”, cuestiona. Ademais, tendo en conta que é unha iniciativa que vén da súa etapa como alcalde, Cuiña tamén se pregunta canto vai tardar Crespo en botarlle a culpa de calquera posible problema ao goberno anterior. “É a desesperada estratexia que emprega o PP de xeito habitual para tratar de ocultar a súa inoperancia xestora”, di.
Levarao a Pleno
“Abonda xa de fuxidas cara adiante que non conducen a ningures”, apunta Cuiña. Por iso,
anuncia que levará este tema a Pleno para preguntar cal é o problema, por que non está
resolto, se existe algún tipo de inconveniente con Patrimonio que o goberno local non foi capaz de calibrar ou por que, de xeito reiterado, se estivo a enganar á veciñanza de Donramiro con esta cuestión.
Tamén lle recordará a Crespo que “leva falando dende tempos inmemoriais de poñer en valor o castro de Donramiro sen que, á hora da verdade, se fixese absolutamente nada para avanzar neste obxectivo”.
Por último, e en vista de todo o que está acontecendo, Cuiña tamén lle pregunta a Crespo se ten “algún tipo de teima especial con Donramiro”. E conclúe dicindo que para o goberno de Lalín “esta parroquia debería ser algo máis que un sitio ao que ir de festa o luns do Monserrat”.
Kommentare