PP: "O tripartito impide o debate para recuperar o mercado dominical e reactivar o centro de Melide"
- ecosdacomarca

- 22 jun 2025
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide lamenta profundamente que o tripartito formado por Adiante Melide, BNG e PSOE "vetase no último pleno o debate dunha moción que tiña como obxectivo revalorizar o mercado dominical e a feira grande da vila, dous elementos históricos e estratéxicos para a economía local".

A proposta do PP incluía "a reubicación do mercado dominical no centro urbano, como era tradicional, para frear a preocupante perda de postos de feira e a caída na afluencia de visitantes que se vén producindo desde o cambio de emprazamento. Esta situación está a ter un impacto directo no comercio local, na hostalaría e na vida social de Melide".
Publicidade
Ademais da reordenación do espazo feiral, a moción propoñía campañas específicas de promoción dos produtos locais e do comercio de proximidade, "así como a creación dunha comisión integrada por representantes políticos, feirantes, comerciantes e hostaleiros, coa finalidade de elaborar un plan de acción realista e consensuado para recuperar a vitalidade do mercado".
Publicidade
"O veto imposto por Adiante, BNG e PSOE impediu sequera a defensa pública da moción, negándolle ao PP o dereito a expoñer as súas propostas e, o que é máis grave, negándolle á cidadanía a posibilidade de que se debata unha cuestión que afecta de cheo á vida económica da vila. Desde o Grupo Municipal do Partido Popular de Melide seguiremos traballando para devolverlle protagonismo ao noso mercado dominical, defender os intereses dos sectores afectados e recuperar o dinamismo da vila que nunca debería ter perdido".








Comentarios