PP: "O BNG dezá ten dobre vara de medir sen ser capaz de ordear a súa casa cunha grave crise interna”
- ecosdacomarca

- hace 14 horas
- 2 Min. de lectura
Di que a recente visita de Pontón á comarca “cobra agora todo o sentido, xa que semellaba que viña a traballar a prol dos dezaos e resulta que viña a tentar poñer panos quentes no enfrontamento entre as dúas almas do Bloque”
Ecos da Comarca/Deza
O PP da comarca do Deza acusa ao BNG de ter unha “dobre vara de medir” por estar constantemente esixindo as súas “receitas máxicas e facendo propostas extemporáneas moi alonxadas do que precisan os cidadáns á Xunta, a Deputación e aos alcaldes e gobernos locais, cando vén de quedar demostrado, coa dimisión de Ariadna Fernández como concelleira, que nin sequera son capaces de ordear a súa propia casa dunha
grave crise interna”.

Os populares cren que antes de reclamar planificación e medidas “co seu habitual
ton e complexo de superioridade” os nacionalistas da comarca "terán que dar exemplo ofrecendo un proxecto común que se preocupe polos veciños: Resulta que pretenden dar leccións do que teñen que facer as distintas administracións cando acábase de descubrir que hai dous BNG na comarca, que un defende unhas cousas e outro, outras distintas, e que o máis lles preocupa é se manda máis Paco Vilariño ou Ariadna Fernández na súa lea de egos e ciumes”.
Publicidade
Polo tanto, o PP comarcal reclámalle aos nacionalistas que teñan “máis humildade” e que deixen de esixir “unha xestión que eles mesmos son incapaces de facer internamente e que, desde logo, está moi lonxe da que poden ofrecer as administracións gobernadas polo PP”.
Para os populares do Deza, a grave crise interna do BNG da comarca "ten a súa orixe na loita polo protagonismo, o poder e os ciumes entre Vilariño e Fernández, pero tamén ten un foco importante no apoio e a boa relación da deputada lalinense co voceiro de UxR e exnacionalista, Alberte Lamazares, ao que o voceiro do Bloque de Lalín e político nacionalista de máis peso na bisbarra considera un traidor desde que o deixou colgado sen candidatura do BNG en Rodeiro ás portas das eleccións municipais de 2019 -para liderar unha proposta independente-, cando xa non había marxe nin prazo para artellar unha lista nese municipio e que tamén impedíu a concorrencia do Bloque en 2023, sendo o único municipio da provincia ao que deixaron abandonado”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Neste senso, indicaron que "esta forte lea interna explica ben ás claras porque a parlamentaria galega se refuxiaba constantemente nos municipios de Rodeiro e Agolada, posto que en Lalín o seu grupo, tanto institucional como en orgánico, totalmente controlados por Vilariño, facíanlle o baleiro”.
Finalmente, o PP da bisbarra salienta que esta situación, coa marcha de Ariadna Fernández da corporación sen avisar aos seus propios compañeiros, fai que “cobre todo o sentido a recente visita a modo de xira da voceira nacional do BNG, Ana Pontón, ao Deza, xa que semellaba que viña a traballar a prol dos veciños e resulta que agora descubrimos que viña a tentar poñer panos quentes, xa vemos que sen éxito, no enfrontamento entre as dúas almas do Bloque”.







Comentarios