PP: "Despilfarro, falta de control e subida de soldos: o pleno que retrata ao goberno de Vila de Cruces"
- ecosdacomarca

- 26 mar
- 4 min de lectura
O PP anuncia que votará en contra dos puntos relativos á modificación do réxime de dedicacións e á aprobación do Plan Económico-Financeiro no pleno deste venres
Ecos da Comarca/Vila de cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces anuncia que votará en contra dos puntos relativos á modificación do réxime de dedicacións e á aprobación do Plan Económico-Financeiro no pleno deste venres, ao considerar que ambos "son consecuencia directa do despilfarro, da mala xestión e da falta de planificación do actual goberno municipal".
"En relación co Plan Económico-Financeiro, desde o PP denunciamos que non se trata dunha proposta voluntaria, senón dunha obriga legal derivada do incumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, unha situación que o noso grupo leva tempo advertindo. Ademais, consideramos que este plan é unha auténtica tomadura de pelo, xa que no expediente non consta ningún informe de valoración dos bens mobles e
inmobles que se pretenden vender, limitándose a unha simple proposta da Alcaldía. O Partido Popular solicitou expresamente estes informes sen obter resposta ata o momento".

Resulta, apunta, "pouco crible que se poida cumprir coa lei baseándose en previsións de
venda de inmobles que non están debidamente valorados e cuxos importes non se corresponden coa realidade do mercado nin garanten a súa venda a curto prazo. Especialmente preocupante resulta a previsión de venda dalgúns destes bens, como o baixo en Vila de Cruces, ao lindar con propiedades do propio alcalde e familiares, o que require a máxima transparencia".
Desde o PP consideran que "este plan non é máis que fume para cumprir un trámite legal sen abordar o problema de fondo: unha política económica baseada no gasto sen control mediante o uso do remanente de tesourería. Desde o Partido Popular queremos lembrar tamén que a orixe deste Plan Económico-Financeiro está nunha modificación de crédito aprobada no seu momento para tirar do remanente de tesourería e incrementar o gasto sen
control, unha decisión política que saíu adiante co apoio do goberno e coa abstención do Bloque Nacionalista Galego. É dicir, o que hoxe obriga ao Concello a este plan de axuste non é máis que a consecuencia directa dunha decisión irresponsable na que o BNG, coa súa abstención, permitiu que se levara a cabo".
Publicidade
Pero é que, ademais, este pleno, sinalan os populares, "deixa unha imaxe especialmente grave, no mesmo momento no que se presenta un plan de axuste, o goberno leva a
aprobación unha subida e reorganización das dedicacións dos concelleiros, superando os 2.000 euros mensuais en dedicación exclusiva e máis de 1.500 euros en dedicación parcial". Para o Partido Popular, isto "evidencia unha absoluta falta de coherencia e responsabilidade, xa que mentres se leva ao Concello a un plan de axuste, o goberno decide incrementarse os seus propios recursos". "A xustificación desta medida, baseada nun suposto incremento do traballo, non é máis que a consecuencia doutro problema xerado polo propio alcalde, incapaz de xestionar o seu equipo de goberno".
Fronte a esta situación, o Partido Popular considera que as verdadeiras medidas de axuste deberían comezar por reducir "gastos innecesarios e mal xestionados, como os destinados a asesores de comunicación, absolutamente desproporcionados nun Concello coma o noso; eliminar ou reducir os gastos en asesoramento xurídico externo podendo utilizar os recursos propios do Concello ou da Deputación; poñer fin ao gasto derivado do elevado número de xuízos consecuencia directa da mala xestión; revisar o servizo de arquitectura, polo que se están pagando arredor de 2.400 euros mensuais a un profesional
que acode cando lle parece sen unha prestación acorde; deixar de malgastar cartos en reparacións do alumeado público, mesmo en períodos nos que as instalacións estaban en garantía, cousa que xa manifestamos no seu día que incluso a Fiscalía debería revisar; abordar con seriedade o mantemento dun alumeado que presenta un estado lamentable; e non vender patrimonio público para tapar a mala xestión, menos aínda sen garantías reais de que esas vendas se vaian materializar".
Do mesmo xeito, consideran pouco serio "pretender que os veciños crean nun suposto aforro de 30.000 euros en materia enerxética cando a realidade do Concello amosa unha falta total de control e planificación neste ámbito. Resulta aínda máis sorprendente que se fale agora de novos plans de aforro enerxético cando hai apenas dous anos se investiron arredor de 1,5 millóns de euros a través dun programa do IDAE para mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público. Despois de realizar ese investimento millonario, carece de
todo sentido que agora se pretenda contratar a outra empresa para que diga como aforrar enerxía, o que ao noso xuízo resulta cando menos incoherente e xera serias dúbidas sobre a xestión destes recursos públicos. Pero o máis lamentable de todo este despilfarro é que, mentres se malgastan os recursos públicos, non se están atendendo necesidades fundamentais do noso municipio".
PUBLICIDADE
A día de hoxe, salienta o PP, "Vila de Cruces segue sen contar cun centro de día, obrigando a que sexan vehículos doutros concellos os que recollan aos nosos veciños para levalos a outros municipios. Esta é a realidade do suposto compromiso co coidado dos maiores do que tanto presume o alcalde. Ademais, queremos lembrar que a herdanza dos inmobles do señor Vidal Fuentes Peláez estaba destinada a investimentos en beneficio dos nosos maiores, especialmente vinculados á residencia ou a servizos asistenciais, e non para ser utilizada como unha ferramenta para solucionar un plan de axuste provocado polo despilfarro do goberno".
Desde o Partido Popular de Vila de Cruces consideran que este pleno "exemplifica perfectamente a forma de gobernar do actual executivo: primeiro despilfarran, despois incumpren, e finalmente pretenden arranxalo mentres aumentan os seus propios recursos. Por todo isto, o noso grupo votará en contra de ambas propostas".
Nas Exposicións Nacionais os cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas








Comentarios