top of page

PP de Vila de Cruces: “Canon cobrado, depuración ausente: así funciona o modelo Cruces de Taboada”

30 jul 2025
2 min de lectura

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O PP de Vila de Cruces denuncia vertidos de augas residuais ao río Deza. "Parece que no concello de Vila de Cruces descubrimos un innovador modelo de tratamento de augas residuais: o vertido directo ao río, sen intermediarios, sen filtros, sen EDAR... pero iso si, cos recibos do canon de saneamento ben cobrados, como mandan os cánones (nunca mellor dito). Actualmente as augas residuais están a verterse directamente ao río Deza dende un pozo de rexistro situado a carón do propio curso fluvial", acusan os populares.

Ademais, aseguran que "veciños e pescadores da parroquia de Merza levan máis dun ano denunciando publicamente que as augas residuais están a verterse directamente ao río Deza dende a depuradora municipal sen depurar correctamente. Un espectáculo natural que ninguén pediu: olores, espumas sospeitosas e un ecosistema que pide socorro. O noso grupo municipal do Partido Popular xa alertara en xaneiro que a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Merza non estaba a funcionar correctamente. Medio ano despois, seguimos igual ou peor: non hai depuración, pero si hai vertido, como se o río Deza fora unha simple extensión da rede de sumidoiros municipal".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Pero isto, sinala o PP, " non é novo. Xa no seu día denunciamos desde o noso grupo municipal que a auditoría realizada da rede de saneamento municipal non reflectía nin de

lonxe a realidade do sistema. Un informe feito para a galería que só serviu para pagar favores e chucharlle 15.000 euros de subvención á Xunta de Galicia. E o máis grave: estase enganando á administración autonómica, que aínda pensa que esa auditoría serviu para algo, cando a realidade é ben distinta. A Xunta paga, pero aquí non se fai absolutamente nada. A situación segue igual, ou incluso peor. Mentres tanto, os recibos seguen chegando puntualmente ás casas dos veciños, coma se todo estivera en perfecto funcionamento. Preguntámonos: se non se depura, por que se cobra? O canon de saneamento debería, cando menos, incluír un desconto por vertido directo".


Por iso, o PP insta aos veciños de Fontao e Merza a que deixen de pagar os recibos ata que este desgoberno se dea por aludido e explique onde se están a investir os impostos destes contribuíntes. As consecuencias ambientais son tan evidentes que só se poden ignorar intencionadamente: degradación do ecosistema, afectación á fauna piscícola, riscos para a saúde pública... E, por desgraza, o silencio institucional é máis espeso que as augas que baixan polo Deza".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Desde o noso grupo municipal esiximos unha actuación inmediata por parte do goberno local e das administracións competentes. Non só por respecto ao medio ambiente, senón tamén por respecto aos veciños, que están a pagar por un servizo que non existe e ven como o seu río se converte nun colector a ceo aberto. Porque Merza non merece isto. E o río Deza tampouco".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page