top of page

PP de Cruces: "O goberno municipal foi a FITUR de paseo mentres abandona ao sector turístico local"

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O Partido Popular de Vila de Cruces denuncia con absoluta contundencia a viaxe do actual grupo de goberno do Concello á feira FITUR 2026. "Unha viaxe inútil para o noso municipio, sen contido, sen resultados e que responde unicamente á política de postureo permanente do señor alcalde, financiada con cartos públicos".

O alcalde de Vila de Cruces en FITUR.
O alcalde de Vila de Cruces en FITUR.

O PP sinala que o goberno municipal acudiu a FITUR "sen stand, sen espazo de promoción, sen material turístico e sen ningunha proposta concreta para dar a coñecer Vila de Cruces. Non foi a traballar nin a defender os intereses do concello: foi de paseo, como amosan as fotos publicadas polos propios membros do executivo, máis preocupados por aparentar presenza que por facer xestión".


 Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA


E recalca que isto non é unha opinión exclusiva do Partido Popular. "É unha valoración compartida e xeralizada polos distintos entes implicados no turismo en Vila de Cruces: casas rurais, establecementos hostaleiros, promotores da gastronomía local e persoas que levan anos traballando para poñer en valor as nosas paisaxes, o noso patrimonio e os nosos elementos etnográficos. Todos eles coinciden en sinalar a absoluta falta de apoio, coordinación e proxecto por parte do Concello".


E apunta que a día de hoxe, a promoción turística de Vila de Cruces "sostense grazas ao

esforzo das casas rurais e da hostalería local, que promocionan os nosos produtos, a nosa gastronomía e a nosa identidade sen respaldo municipal. Son eles quen exercen de verdadeiros embaixadores do concello os 365 días do ano, fronte a un goberno que só aparece en datas puntuais para cumprir expediente. Porque o turismo non se promociona con visitas esporádicas nin con fotos nunha feira. O turismo trabállase os 365 días do ano, con planificación, con colaboración co sector e cun proxecto serio e continuado no tempo. Ir a Madrid a FITUR debe servir para presentar unha estratexia de futuro, para vender un modelo turístico claro e para atraer oportunidades, non para facer unha excursión institucional sen contido", recalcan os populares.

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

E sinala que mentres outros municipios da comarca "acudían a FITUR con proxectos definidos e propostas reais, Vila de Cruces volvía facer o ridículo institucional, sen voz e sen presenza efectiva. Esta viaxe a FITUR é o colofón dunha política turística inexistente dende que o actual goberno chegou ao Concello. Os resultados desta falta de xestión están á vista. A feira do Galo de Nadal converteuse nun fracaso absoluto. A Festa do Galo de Curral, un dos eventos máis emblemáticos do concello, está sendo deixada morrer cunha promoción ridícula, limitada a un par de anuncios en medios poucos días antes da súa celebración". "A isto súmase o abandono total do Poboado Mineiro de Fontao, do que xa nada se sabe, e o estado lamentable das áreas recreativas municipais, que transmiten unha imaxe de desleixo e abandono tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan".


Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Desde o Partido Popular de Vila de Cruces esixen explicacións inmediatas por esta viaxe "innecesaria e inútil e reclamamos un cambio radical na política turística municipal. Vila de Cruces ten recursos, ten profesionais e ten potencial, pero precisa un proxecto de futuro. Ir a Madrid debe ser para defender ese proxecto, non para sacarse fotos. Co actual goberno, o turismo do noso concello está completamente abandonado", afirma o PP.  




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page