top of page

Pontevedra descobre os tesouros silledenses de “Os Balbinos visitan Silleda”

O acto desenvolveuse dentro das actividades programadas en Culturgal


Laura Moure/Deza

A feira Culturgal que está a desenvolverse en Pontevedra e na que se dan cita profesionais do sector editorial, musical, artístico e cultural, foi escenario da presentación do último libro da colección Os Balbinos, protagonizada pola simpática familia viaxeira formada por Lena, Lino, e os seus fillos Bal e Lúa. Nesta ocasión, as aventuras dos Balbinos chegan a Silleda para coñecer todos os atractivos culturais, turísticos, patrimoniais e gastronómicos que engrandecen ao municipio dezá.


Cabe destacar que esta presentación se ergue como unha antesala da visita oficial que realizarán os Balbinos a Silleda e que terá lugar o sábado 16 de decembro, dentro das actividades de Nadal programadas dende o Concello de Silleda, e que se converterá nun dos primeiros actos públicos que albergará o novo consistorio. Unha cita coa diversión e o entretemento, tanto para cativos como adultos, no que tamén se divulgarán as bondades do municipio.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

No acto que tivo lugar esta mañá en Culturgal, participaron o autor do libro, Xoán Carlos García Porral; o ilustrador do mesmo, Gabriel Iglesias Sanmartín e a concelleira de Urbanismo, Industria, Comercio, Turismo, Emprego e Desenvolvemento Sostible Paula Fernández Pena. Xunto a eles... Bal, un dos protagonistas, que fixo as delicias dos máis cativos presentes no espazo infantil.


Esta nova andaina de Os Balbinos visitan Silleda vén a unirse á colección na que se inclúen Os Balbinos. Camiño Francés, Os Balbinos. Ruta da Prata, Os Balbinos. Camiño Inglés e Os Balbinos. Camiño Portugués.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Presentacións Edicións Fervenza en Culturgal

Ademais de coñecer unha parte do catálogo de Edicións Fervenza, en Culturgal

tamén se presentan outras novidades. Como o libro “Antón e a Moura do Lameiro de Viana”, de Xoán Carlos García Porral e Santiago Gómez; mentres para mañá domingo, ás 12.00 horas o público máis pequeno poderá desfrutar coa lectura do conto dramatizado

do libro infantil O meu amigo conto, do autor de Cuntis, Fernando González Graña e con debuxos realizados polo estradense, Xaquín Blanco. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, está prevista a presentación combinada con dous títulos gañadores de certames, por unha banda o poemario Fío, de Manuel López Rodríguez, gañador do XXVII Premio Avelina Valladares Núñez de Poesía, e Loucine, de Clara Martín, libro gañador do VIII Concurso Balbino de Relatos.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

O último acto na feira Culturgal será mañá ás 18.00 horas co contacontos do libro infantil A lagoa máis fermosa de tódalas lagoas, escrito pola actriz Antela Cid e ilustrado pola estradense da parroquia de Oca, Anabel Montouto.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page