Os vertidos da celulosa Altri ao encoro de Portodemouros. O que nunca foi contestado
- ecosdacomarca

- 12 ago
- 3 Min. de lectura
Artigo do xeógrafo lalinense Antonio Presas
Antonio Presas, xeógrafo lalinense
En ECOS DA COMARCA compartimos este artigo autoría de Antonio Presas, xeógrafo lalinense, sobre os vertidos da celulosa Altri ao encoro de Portodemouros.
OS VERTIDOS DA CELULOSA "ALTRI" AO ENCORO DE PORTODEMOUROS. O QUE NUNCA FOI CONTESTADO
"O día 21 de marzo de 2024 (xoves) os técnicos da Celulosa ALTRI tiñan convocada unha reunión informativa no Concello de Agolada, pero non se presentaron. Tan só avisaron cunha hora de antelación ao alcalde de Agolada, para dicir que non viñan a tal reunión alegando que as persoas que os íamos a escoitar, para recibir información, eramos agresivos, maleducados e non dispostos a fecerlles caso.
Pois ben, con motivo desa "charla informativa" tiña dispostas varias preguntas, as que aparecen máis abaixo, pero esas preguntas quedaron sen resposta por culpa dos que querían "vender os cromos".
Publicidade
As preguntas en cuestión estaban relacionadas cos vertidos fabriles ao encoro de Portodemouros (río Ulla) pola planta de celulosa de Palas de Rei.
CONSIDERACIÓNS.
En varios informes do proxecto da planta dual de Celulosa-Liocell, que pretenden ubicar cerca de A Vacariza (Palas de Rei), está previsto verter ao río Ulla, uns dous quilómetros máis arriba da cola do encoro de Portodemouros, unha cantidade desorbitada de augas residuais industriais contaminadas.
Os vertidos están estimados en 30.000 metros cúbicos por día, que equivalen a 350 litros por segundo, un caudal de vertido que pode ser, incluso, superior ao caudal do río Ulla nese sitio, nos meses máis secos do verán e comezos do outono. De todas formas, iso non é o único problema, verter un caudal de auga que pasou por procesos industriais sucios, senon a súa elevada temperatura de, aproximadamente 30ºC. A auga do río Ulla ten unha temperatura moi inferior, aínda que no verán pode chegar aos 20ºC e incluso subir, cando comeza a encorar en Portodemouros.

De feito, nos meses do verán proliferan na cola do encoro as cianobacterias, que converten a auga nun campo flotante verde, polo que se deben adoptar medidas drásticas en canto ao uso desa auga tóxica. Así que, desde hai máis de 25 anos (o encoro inaugurouse arredor do ano 1968) o aumento de cianobacterias foi en aumento gradual, ata converterse, na actualidade, nun problema moi serio e moi grave, que ameaza a salubridade do encoro na súa totalidade e augas abaixo, cara a súa desembocadura da Ría de Arousa.
Ao duplicar o caudal do Ulla, no estación veranega, con vertidos a 30ºC a "caldo de cultivo", que se forma na cola do encoro, aumentará enormemente a súa capacidade para producir cianobacterias e nesa proporción incrementaranse os problemas existentes.
Un espazo xa contaminado moi por encima dos valores establecidos (regulados por lei) non pode ser sometido a un aumento de contaminación, porque non hai Estudo de Impacto Ambiental que o xustifique, a non ser contando mentiras tales como que a auga procedente do vertido da fábrica é potable.
PREGUNTAS:
1- Porque se elixiu como lugar de vertido unha zona da canle do Ulla localizada uns dous Km máis arriba da cola do encoro?
2- Tendo en conta o grave estado da cola do encoro, afectado pola proliferación alarmante de cianobacterias, por que non se elixiu outro lugar de vertido?
3- Se as augas residuais son dunha calidade superior ás captadas no encoro, segundo se afirma nos estudios, por que se verten e non se reutilizan?
4- Onde están as analíticas, tomadas ao longo do ano, do estado das augas na cola do encoro e cales son os valores que amosan?
5- Cal é a analítica físico-química das augas que se van a verter?
6- Misturando as augas que se verten (estado analítico) coas augas da cola do encoro (estado analítico pormenorizado por estacións), cal vai a ser o seu estado medio?
Publicidade
7- Que estudios ou previsións hai respecto da repercusión dos vertidos no estado xeral da auga do encoro de Portodemouros?
8- Realizouse algún estudio complementario para saber cal é o modelo de circulación da auga no encoro e o tempo que pode tardar en sair do mesmo a auga que entra pola súa cola? Estes estudios serían esenciais para prever o seu estado.
9- En canto tempo se estima que todo o encoro estará contaminado un 10%, un 20%, un 40%, etc máis do que está na actualidade?
10- Como se tivo en conta, se é que se tivo en conta de algunha forma, a influencia que pode ter o "cambio climático" na evolución do estado da auga do encoro, nos próximos anos, ao realizar as verteduras da fábrica de celulosa?
Antonio Presas, xeógrafo lalinense.








Comentarios