Os usuarios vulnerables representan o 55% dos falecidos nas estradas galegas este verán
- ecosdacomarca
- hace 8 minutos
- 3 Min. de lectura
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliña que das 20 persoas que perderon a vida, a metade eran motoristas
Ecos da Comarca/Xeral
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, analizou onte os datos de sinistralidade viaria en Galicia durante os meses de xullo e agosto de 2025, que se pecha con 20 persoas falecidas nas estradas galegas, 5 máis que no mesmo período do ano pasado. En xullo perderon a vida 11 persoas fronte ás 7 de 2024, mentres que en agosto foron 9, unha máis que o ano anterior. O delegado chamou a seguir traballando na concienciación de todos os condutores “pois un só falecido xa é un mal dato e o obxectivo só pode ser cero”, asegurou, lembrando que “detrás de cada estatística hai familias rotas e unha dor irreparable que debemos evitar con responsabilidade ao volante”.

Pedro Blanco fixo especial énfase na necesidade de seguir traballando para mellorar a seguridade dos usuarios vulnerables (motoristas, ciclistas e peóns), pois representan o 55%, das persoas que perderon a vida este verán nas estradas galegas. Así, o delegado sinalou que a mortalidade viaria en Galicia neste verán foi especialmente de dúas rodas: dez motoristas perderon a vida en tan só dous meses. Amais disto, tamén faleceu
un peón.
Ao respecto deste tipo de usuarios, o delegado lembrou que a DGT en Galicia puxo en marcha campañas específicas de información dirixidas ao colectivo dos motoristas e usuarios vulnerables “sobre os que a Garda Civil de Tráfico está insistindo especialmente”. “Non obstante”, engadiu, “e a pesares da boa orientación das campañas, os datos indican que debemos redobrar os esforzos por protexer a este tipo de usuarios que presentan unha alta vulnerabilidade nas vías”.
Publicidade
Doutra banda, entre as oito persoas que perderon a vida en turismos, cómpre destacar que dúas non levaban posto o cinto de seguridade no momento do accidente, o que volve poñer de relevo a importancia de cumprir coas normas básicas de protección.
Na distribución territorial, Lugo e Pontevedra son as provincias que rexistraron o maior incremento de persoas falecidas respecto do verán anterior: Lugo pasa de dúas a cinco e Pontevedra de tres a cinco. A Coruña mantívose en sete vítimas mortais, as mesmas que en 2024, mentres que Ourense rexistrou tres, sen variación respecto do ano pasado.
Ademais dos falecidos, durante o verán rexistráronse 450 sinistros con vítimas en vías interurbanas galegas, unha redución respecto dos 471 do ano pasado. A diminución é xeneralizada en todas as provincias agás en Lugo e Ourense, que aumentaron lixeiramente. En concreto, na provincia da Coruña pasouse de 195 a 171 sinistros con vítimas; en Pontevedra, de 179 a 172; en Lugo, de 36 a 42; e en Ourense, de 61 a 65.
Publicidade
En canto á tipoloxía dos sinistros, as saídas de vía foron a causa máis habitual, con oito falecidos, seguidas das colisións laterais ou frontolaterais, que se cobraron seis vidas e das colisións frontais, con catro vítimas. Ademais, rexistrouse un atropelo a un peón e un accidente múltiple.
Doutra banda, os factores concorrentes máis frecuentes nos accidentes con vítimas foron a condución distraída, presente en case un terzo dos casos; a velocidade inadecuada, que aparece en preto dunha cuarta parte dos sinistros; e a falta de respecto ás prioridades de paso, que tamén figura entre as principais causas. Estes datos confirman que a maioría dos accidentes mortais teñen detrás comportamentos evitables que dependen directamente da actitude ao volante, como pode ser o uso do teléfono móbil.
Tamén resulta salientable que, un verán máis, as autopistas e autovías se manteñen como as estradas máis seguras. Só un falecido se rexistrou en vías de alta capacidade, fronte aos 19 que perderon a vida no resto de vías interurbanas, un dato que, como indicou o delegado do Goberno “é moi relevante, porque a meirande parte das persoas que veñen a veranear a Galicia ou os galegos e galegas que saímos fóra facémolo moi maioritariamente a través de vías de alta capacidade como a AP-9, a A-6, a A-55 e a A-52”.
Pedro Blanco insistiu en que a mellora das cifras de seguridade viaria só será posible co compromiso de toda a sociedade. “A seguridade viaria está nas nosas mans. Evitar distraccións, respectar as normas e conducir con prudencia salva vidas”, subliñou.
Finalmente, o delegado agradeceu o traballo dos axentes da Garda Civil de Tráfico que durante o verán velaron pola seguridade nas estradas de Galicia, así como do persoal da DGT e destacou a colaboración entre todas as administracións implicadas na seguridade das estradas para que sexan cada vez máis seguras”.
Comentarios