top of page

Os transportistas hoxe xa poden comer ao quente

Profesionais deste sector fanse eco da situación que padecen e piden non ser máis os esquecidos ao non ter moitas veces onde comer e asearse


Laura Moure

Os transportistas son uns dos heroes desta pandemia. Eles estiveron sempre na primeira liña de guerra para que non faltara comida ou calquera outro xénero. Se xa de por si este traballo é complicado debido á soidade, estar lonxe da casa e da súa familia e botar horas e horas recorrendo estradas, o coronavirus aínda o complicou moito máis. Cos restaurantes pechados en moitas ocasións non tiveron onde comer ao quente e menos aínda onde asearse. Só eles saben o duro que está sendo esta situación. Este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou unha desescalada gradual deseñada pola Xunta trala reunión do subcomité clínico. Unhas das medidas que se aplicarán desde hoxe e que os restaurantes das áreas de servizo poderán retomar a súa actividade, pero só para atender aos transportistas, e así facilitarlles o traballo a estes profesionais. Esta medida é moi aplaudida por este sector.

O agoladés Iván Areán é un destes profesionais que están padecendo a pandemia día tras día por todas as dificultades coas que se atopa. El dedícase ao transporte de mercadorías e recorre toda España. "Esta situación afectamos bastante porque ao ter áreas e restaurantes pechados non temos onde comer, ducharnos ou simplemente ir ao baño, agás algúns que nos daban comida para levar", conta. Por iso agradece que se permitan abrir algúns restaurantes para eles. "Vexo moi ben porque os transportistas tamén necesitamos estes sitios, ao estar toda a semana fóra da casa, para comer ou poder ducharnos", sinala.


Isidro Prieto, veciño de Toques, tamén aplaude esta medida. El tamén recorre España a bordo do seu camión levando materiais a granel como cereais, abonos, area... todo en xeral, tal e como explica. "Esta situación vaise levando, pero é difícil porque son moitas restricións, pero ben", apunta. E tamén coincide con Areán en que "o máis duro é non ter onde comer comodamente e unhas duchas para asearse". Ante a falta de restaurantes abertos tiran de alternativas. "Eu en particular opto por levar bocadillos por motivo de que tamén teño pouco tempo para comer".


José Antonio Codesido, veciño de Touro, é transportista do sector da madeira e tamén se atopa con máis dun obstáculo debido á crise sanitaria. "Pois vívese dunha forma bastante complicada. Non só o de comer senón poder asearse ou simplemente poder ir o baño", apunta e sinala que lle parece boa idea que se abran restaurantes para os camioneiros. "É unha boa noticia, pero poderían deixar abrir tamén outros restaurantes, pero sería necesario que cumpriran esta medida dando paso aos transportistas e non deixar a acceder a todo o mundo. Sen embargo, considero que se andas por autovía ou autopista moi ben, pero se andas por nacional seguimos ca mesma. Ademais, Galicia é a única comunidade que ten todo pechado para o transporte, fóra de aquí está todo aberto", recalca Codesido e agradece que lles deamos voz. "E gracias por facervos eco deste sector, que nos consideran esencial, pero para comer estamos esquecidos".


0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2024 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page