Os traballos de renovación da sinalización horizontal comezarán o luns na Bandeira
O luns actuarase inicialmente en tramos da rúa da Empanada e da rúa do Parque, polo que será preciso prohibir o estacionamento nos dous tramos
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda iniciará o vindeiro luns 17 de agosto na vila da Bandeira os traballos de renovación e mellora da sinalización horizontal incluídos no proxecto que permitirá actuar en distintas rúas dos dous principais núcleos urbanos do municipio.

Para poder desenvolver correctamente os labores de pintado será preciso prohibir temporalmente o estacionamento nas rúas e tramos nos que se vaia intervindo. Así, durante a xornada do luns os primeiros traballos afectarán a distintos tramos da rúa da Empanada e da rúa do Parque, que estarán debidamente sinalizados para evitar o estacionamento e facilitar a actuación da maquinaria e dos equipos de traballo.
PUBLICIDADE
A intervención continuará durante os días seguintes polo resto das rúas da Bandeira incluídas no proxecto. As zonas nas que se vaia actuar iranse sinalizando previamente coa correspondente prohibición de estacionamento, polo que o Concello solicita á veciñanza que preste especial atención á sinalización provisional que se vaia colocando.
Os traballos contemplan a renovación das marcas viarias, pasos de peóns, liñas de detención, cebreados, zonas de estacionamento, sinais horizontais de STOP e ceda o paso, frechas de dirección e outros elementos destinados a mellorar a visibilidade e a seguridade viaria.
Unha vez iniciada a actuación na Bandeira, está previsto que os traballos de sinalización horizontal comecen na vila de Silleda a partir do mércores 19 de agosto, aplicándose tamén restricións puntuais de estacionamento nas rúas nas que se vaia realizando o pintado.
PUBLICIDADE
Esta actuación forma parte do proxecto municipal de renovación da sinalización horizontal en Silleda e na Bandeira, financiado con fondos da Deputación de Pontevedra, e permitirá actuar en máis de 5,5 quilómetros de rúas dos dous núcleos urbanos.
Reordenación na rúa da Empanada
Tamén se aproveitará esta actuación para facer efectivos os cambios na ordenación do tráfico previstos na rúa da Empanada, na Bandeira, e na contorna da rúa Cartaxena, en Silleda. No caso da Bandeira, o último tramo da rúa da Empanada, entre a rúa Lavadoiro e a rúa Xeral, quedará sinalizado como dirección prohibida cara á N-525, mantendo o acceso aos garaxes das persoas residentes, co obxectivo de evitar unha saída con escasa visibilidade e mellorar a seguridade no cruce.
PUBLICIDADE
En Silleda, a rúa Cartaxena mudará o seu sentido de circulación, de xeito que se accederá a ela dende a rúa Venezuela, modificándose tamén a circulación na contorna de Antón Alonso Ríos para mellorar a visibilidade e a seguridade nos entronques.
O Concello agradece de antemán a colaboración da veciñanza e das persoas usuarias das vías afectadas e pide que se respecten as prohibicións temporais de estacionamento para facilitar o desenvolvemento dos traballos e evitar atrasos na súa execución.










Comentarios