“Rodeiro é como Teruel para a Xunta do Partido Popular: non existe”, considera o socialista
Ecos da Comarca/Rodeiro
O socialista, José Luis Camiñas, afirma que os orzamentos de Rodeiro "demostran que o Concello sostense en pé tan só coa axuda da Deputación". Asegura que o 92% dos investimentos previstos proveñen directamente das achegas regradas da Deputación
O proxecto de orzamentos para Rodeiro 2023 que se vai someter hoxe a votación é "a confesión, negro sobre branco, de que a Deputación é a única Administración que apoia a Rodeiro e que sostén este concello en pé". Así o manifesta José Luis Camiñas, secretario xeral do PSdeG-PSOE e candidato á Alcaldía, á vista duns orzamentos polos que "o Partido Popular, en lugar de presumir, debería pedir desculpas. O orzamento é unha “confesión en toda regra” de que o 92% dos investimentos previstos proveñen directamente da Deputación".
Á vista dos investimentos recollidos no Orzamento de Rodeiro para 2023, José Luis Camiñas afirma que o actual alcalde "non pinta nada no mapa do Partido Popular. Non pinta nada nin sequera, no mapa do PP desta comarca. Rodeiro, como Teruel, non existe para a Xunta do PP”. Recalca, ademais, o candidato socialista que estes orzamentos "evidencian que o exalcalde, agora delegado da Xunta en Pontevedra e presidente provincial do Partido, incumpre sistematicamente tódolos compromisos que adquiriu cando “escapou”.
"A cola do caciquismo do Goberno galego é moi, moi longa e Rodeiro está atrás de todo", acusa Camiñas
Camiñas recalca que “o PP, que goberna a Xunta dende o máis absoluto caciquismo, ten outros concellos que considera moito máis importantes que nós que atender cos seus investimentos caciquís. A cola do caciquismo do Goberno galego é moi, moi longa e Rodeiro está atrás de todo. O resultado práctico é que aquí só chegan os investimentos da Deputación, gobernada por unha muller socialista como Carmela Silva, porque a Deputación, a diferencia da Xunta fai investimentos regrados en tódolos concellos”.
En números absolutos, sinala que os orzamentos para 2023 prevén a chegada de 1.243.402 euros da Deputación para investimentos, sobre un total de 1.343.782 euros. "Nun exercicio patético de voluntarismo, o alcalde asígnalle á Xunta 82.985 euros de Agader para mellora de camiños con cargo ao Plan Marco, esquecendo que Agader é o órgano xestor dun Plan Marco que tamén conta con financiamento estatal e europeo. Así que da Xunta, chegan migallas".
Así mesmo, o socialista considera que os orzamentos municipais "son unha chapuza pois inclúen 432.276 euros de investimento con cargo ao plan ReacPon para a humanización da rúa Aviador Gumersindo Areán. Diante da escandalosa falta de achegas da Xunta, mesmo tivo que inflar e vestir os orzamentos consignando os cartos das achegas do Plan ReacPon, que tamén son da Deputación provincial que dirixe o PSdeG-PSOE".
Finalmente, o candidato socialista di que "dan ganas de chorar ao ler a Memoria da Alcaldía na que se recoñece que se aposta por unha “política continuísta” e xa se roza o esperpento cando se presume do gasto nos Servizos Sociais. Uns Servizos Sociais que tamén nos paga a Deputación, que nos financia tódolos anos os Servizos Sociais Comunitarios, as axudas de emerxencia e a teleasistencia, entre outras cousas. A Xunta só pon uns euriños (en torno á metade do custo real) para o Servizo de Asistencia no Fogar (SAF), pese a que se trata dunha competencia autonómica e que, por tanto, debería prestar directamente. A Xunta, en realidade, en materia de servizos sociais, cústanos cartos", conclúe.
Commentaires