Os nosos ríos como fieis indicadores da escaseza de auga (seca extrema): Alto Ulla, Arnego, Deza e Lérez
- ecosdacomarca

- hace 3 minutos
- 4 min de lectura
Artigo do xeógrafo lalinense Antonio Presas
Antonio Presas/Xeral
OS NOSOS RIOS COMO FIEIS INDICADORES DA ESCASEZA DE AUGA (seca extrema): ALTO ULLA, ARNEGO, DEZA e LÉREZ
Xaneiro afogounos e agosto secounos. Case nunca, no mesmo ano, os nosos ríos levaron tanta auga e tan pouca.
En primeiro lugar debemos considerar que os ríos non evacúan das súas concas a auga que sobra, os ríos non teñen intelixencia, nin humana nin artificial, senón que están condicionados pola Natureza, por unha serie de factores que actúan de forma interrelacionada (relevo, xeoloxía, vexetación, meteoroloxía, etc...).
Pois ben, partindo de isto, pódese decir que a actual seca, anticipada e ben coñecida polos seus efectos, queda moi ben reflectada na evolución do caudal dos nosos ríos: Ulla, Deza, Arnego e Lérez.
PUBLICIDADE
1- Os ríos Alto Ulla, Arnego, Deza e Lérez
Na Ponte Arcediago está instalada unha estación de aforos que mide o caudal do Alto Ulla (Palas, Melide, Monterroso, Antas, Agolada...), abarcando unha superficie de 515,7 Km2.
En Ponte Sulago a estación de aforos do río Deza mide o caudal dunha conca de similar extensión, pero non idénticas características, de 544,7 Km2 (Dozón, Rodeiro, Agolada, Lalín, Vila de Cruces, Silleda).
Na Ponte do Porto, entre Santandré e Pazos (Carmoega) localízase a estación de aforos que rexistra o caudal do río Arnego, abarcando unha gran parte da súa conca, 328,2 Km2. Unha característica importante do Arnego é que nace na Serra do Faro, arriba da localidade de Ourín, en "Sobre A Fenteira" a 1.160 metros de altitude, polo que estamos ante o río de Galicia Central que nace a maior altura.
Finalmente, outro dos ríos que nos pode servir de clara referencia é o Lérez, un río que nace do outro lado da Serra do Candán, na ladeira de barlovento, a que está exposta a un dos máximos pluviométricos de Galicia. A estación de aforos de Ponte Bora rexistra o caudal do Lérez correspondente a unha conca de 408,5 Km2. Este río, moi influenciado pola orografía e polas condicións meteorolóxicas impostas pola Serra do Candán, presenta un caudal, en certo modo sorprendente, caracterizado por unha marcada torrencialidade: o máis caudaloso no inverno e un dos máis secos no verán, sendo esta unha característica moi parecida a do Deza Superior.

2- O sorprendente caudal destes ríos en 2026.
Segundo os datos de aforos recollidos puntualmente por Augas de Galicia, con diferentes carencias (Deza desde 1 xaneiro ao 20 febreiro, Alto Ulla desde 19 febreiro ao 8 de marzo e Lérez desde 10 de xuño ao 2 de agosto), pódese decir que o 2026 está a resultar un ano, no tempo transcorrido ata 20 de agosto, de valores extremos.

Os primeiros meses do ano (xaneiro, febreiro) estiveron marcados polas sucesivas enchentas destes ríos, como ben se pode apreciar nos correspondentes hidrogramas. Así, no río Lérez, aprecianse unhas cinco grandes enchentas, especialmente a do 27 de xaneiro con 258,2 m3/segundo e unha secundaria o 10 de febreiro con 238,4 m3/segundo. Este río marcou cunha precisión perfectamente matemática a sucesión de trens de borrascas que afectaron a Galicia (Harry, Ingrid, Joseph, Kristin, Leonardo, Marta, Nils, Oriana). Ese foi o tempo no que a chegada de frontes activas descargaron grandes cantidades de precipitación na Serra do Candán, pero a posterior a falta de chuvias, desde marzo a agosto, condicionou o caudal deste río de caracter torrencial oceánico, marcado por unha longa estiaxe.

Os hidrogramas recollen de forma moi precisa o que sucedeu este ano (xaneiro a 20 agosto): un gran desfase no caudal dos ríos, caudais moi elevados a comezos de ano e caudais extremadamente baixos en agosto.
O lixeiro alivio que se aprecia no mes de maio ralentizou a rápida caída (ver hidrograma detallado) de caudal pero desde comezos de xullo a escaseza de auga é unha realidade acuciante.

3- Conclusión provisional
O que sucede este ano non é un caso insólito, senón un fenómeno que se repite, varias veces, nos últimos anos e que non ten causas exclusivamente na meteoroloxía (as condicións atmosféricas ao longo do ano), senón, tamén noutros factores relacionados con impactos medio ambientais causados polo ser humano. Estes impactos que actúan de forma coordinada e teñen caracter acumulativo, están a facer que as condicións de habitabilidade se vexan alteradas e, a veces, gravemente alteradas. Así, por exemplo, as grandes plantacións de eucaliptais, sustituindo ao bosque caducifolo, tamén están ligadas a este fenómeno e algúns investigadores estiman que a reducción de caudal, durante o verán, pode superar o 20% en zonas dominadas pola expansión dos eucaliptos, auténticos inimigos da reserva hidrolóxica.
PUBLICIDADE
A aplicación de medidas paliativas non poden pasar por negar o "cambio climático" que, en realidade xa é unha "emerxencia climática", senón que deben poñer en practica medidas moi complexas e restrictivas, algo que moitas persoas non queren ver nin facer.
Antonio Presas, xeógrafo lalinense.








Comentarios