top of page

Os institutos de Melide, Monterroso e Cruces participan no Cinema con perspectiva

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Esta iniciativa da Xunta desenvolvida coa asociación cultural Festival Internacional Cinema de Bueu busca incorporar a análise crítica sobre o tratamento da muller no cinema e noutras formas de expresión audiovisual


Laura Moure/Xeral

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de publicar os 40 centros seleccionados para participar en Cinema con perspectiva. Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa asociación cultural Festival Internacional Cinema de Bueu (FICBUEU), está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO e busca incorporar a análise crítica sobre o tratamento da muller no cinema e noutras formas de expresión audiovisual. Das comarcas participan CEIP de Melide Nº1, o IES de Monterroso e IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

Ao longo do segundo e terceiro trimestre do curso 2024/25, realizaranse actividades que combinan a análise e a creación audiovisual. Nunha primeira fase, o alumnado visualizará unha selección de curtametraxes centradas en temas como a igualdade de xénero, a violencia machista e o papel da muller na sociedade. Estas proxeccións incluirán coloquios dinamizados por persoas expertas para fomentar a reflexión sobre os valores e as mensaxes transmitidas. 


A segunda parte do programa consistirá nun obradoiro no que os participantes desenvolverán pequenas producións audiovisuais con enfoque de xénero, empregando formatos como curtametraxes, vídeos musicais ou anuncios. Estas creacións abordarán conceptos como a equidade entre homes e mulleres, o empoderamento feminino e a desconstrución de roles tradicionais, permitindo ao alumnado expresar de forma creativa as aprendizaxes adquiridas. 


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Enmarcado na Estratexia galega de convivencia escolar Educonvives 2025, este programa forma parte da liña de traballo nun ensino en igualdade e co desenvolvemento dunha cidadanía máis consciente e crítica. 



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page