top of page

Os Carunchos, Radio Cos e Comando Curuxás actuarán no XIII Corazón da Artesanía de Agolada

A cita será do 3 ao 5 de xullo e tamén se suman ao ritmo musical Mediarea, Bico da Balouta, a Charanga Os Pendellos e Cantigas e Agarimos


Laura Moure/Agolada

A programación do XIII Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galiciaimpulsado pola Fundación Artesanía de Galicia nos Pendellos de Agolada os días 3, 4 e 5 de xullo— contará coas actuacións das bandas Os Carunchos, Radio Cos, Comando Curuxás e Mediarea. Ademais, están previstos pasarrúas a cargo da Charanga dos Pendellos e Bico da Balouta e o desfile e actuación de Cantigas e Agarimos, que pechará a programación musical do evento. O Corazón da Artesanía é un encontro integral de divulgación, comercialización e posta en valor da Artesanía de Galicia que no ano 2023 foi recoñecido co Premio Promociona para Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía.

A programación musical do Corazón da Artesanía comezará o venres 3 de xullo ás 22,30 horas na Praza do Concello, unha vez rematado o horario de apertura da feira, coa actuación da banda Comando Curuxás, que presentará o seu segundo disco Carne de militancia. Comando Curuxás  está composto por músicos de longa traxectoria como Pablo Pardo, Miguel Anxo López, Serxio e Alberte Núñez, e Pablo Pascual. A súa música mestura un son que lembra as romarías, revisionado buscando unha combinación entre tradición e modernidade. Antes, ás 17:00 horas, terá lugar un pasarrúas da Charanga Os Pendellos nos arredores da feira.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Tamén na Praza do Concello, terán lugar o sábado as actuacións dos Carunchos, ás 13:30 horas en sesión vermú, e Mediarea, xa pola noite a partir das 22:30 horas. Os Carunchos nacen co obxectivo de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo unha formación nova e orixinal. O seu repertorio está formado por temas de nova creación e por versións musicadas de poemas da literatura galega, de autores como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor ou Manuel María. Pola súa banda, Mediarea é un cuarteto tradicional formado por Gael Pérez, Luís Malvido, Zé Pumar e Rodri Martínez, continuadores da tradición de gaiteiros do Morrazo, ao que incorporan a frescura de melodías e harmonías novas. Darán conta do seu novo disco, Virando por avante.


Pola tarde do sábado, ás 17:00 horas, haberá un pasarrúas a cargo do grupo de música tradicional Bico da Balouta, no recinto da feira. Mentres, a última xornada contará na sesión vermú —a partir das 13:30 horas, na Praza do Concello— coa actuación do grupo Radio Cos, a banda fundada por Quique Peón e Xurxo Fernandes que se reencontra despois de oito anos para a súa xira de despedida volvendo combinar música tradicional, polifonías e sonoridades populares. A programación musical do evento pecharase cun desfile e coa Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, a partir das 19:00 horas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Historia

O Corazón da Artesanía é un evento multidisciplinar que en cada edición se consolida como un espazo de confluencia entre artesáns e profesionais de diferentes ámbitos, o que propicia as colaboracións, as sinerxías nas que a artesanía achega un valor engadido e o establecemento de novas relacións comerciais con empresas e marcas.


Na programación do XIII Corazón da Artesanía de Agolada inclúese a participación de 50 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia —entre expositores e docentes dos diferentes cursos— así como 32 postos de alimentación gourmet. O evento complétase coas demostracións gastronómicas do proxecto Artesanía no Prato, con cursos de formación, coa demostración de oficios en vivo e con obradoiros de iniciación abertos a todos os públicos.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page