Onte houbo outro lume no caso urbano de Silleda o que alerta da importancia de ter as fincas limpas
- ecosdacomarca

- 4 ago 2025
- 2 Min. de lectura
"A orixe do incendio estivo nunha chispa accidental provocada por un tractor mentres realizaba labores agrícolas", tal e como informa o Concello
Ecos da Comarca/Silleda
Onte, domingo, pola mañá produciuse un incendio nunha finca situada no casco urbano de Silleda, concretamente entre a Avenida da Estación e o Recinto Feira. "A parcela atopábase limpa e cumpría coa normativa vixente, polo que o lume foi controlado rapidamente grazas á rápida intervención dos equipos de extinción. A orixe do incendio estivo nunha chispa accidental provocada por un tractor mentres realizaba labores agrícolas", tal e como informa o Concello.

Hai apenas uns días, produciuse outro incendio de características similares na vila da Bandeira, "neste caso supostamente por unha cabicha mal apagada, ambos episodios poñen de manifesto a importancia de manter limpas as fincas e de extremar as precaucións, mesmo cando se está a cumprir coa lexislación, xa que calquera descuido pode ter consecuencias graves” di a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que estivo acompañando ao operativo de extinción xunto a Estefanía Taín, concelleira de promoción económica.
Dende o Concello queren agradecer a rápida intervención dos medios de extinción da Consellería de Medio Rural, así como ao equipo de bombeiros do Deza e aos efectivos da Garda Civil, que lograron controlar o lume sen que se rexistraran danos materiais nin persoais. Grazas á súa resposta inmediata, evitouse que o incendio se estendera a zonas habitadas.
Publicidade
Insiste tamén en que os traballos de limpeza se realicen sempre con todas as garantías de seguridade. "É fundamental evitar realizar labores nas horas de máis calor do día, contar con medios de extinción ao alcance durante os traballos e, no caso de empregar maquinaria que poida xerar chispas, asegurarse de que non exista risco extremo de incendio. Estas medidas, xunto cun cumprimento estrito Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Lei 3/2007), son claves para reducir os riscos e evitar emerxencias como as rexistradas estes días".
Publicidade
O goberno local lembra ademais que, segundo dita a lexislación vixente, a limpeza
das parcelas situadas en solo rústico e en zonas próximas a núcleos de poboación é obrigatoria antes do 31 de maio de cada ano.








Comentarios