Oito mulleres de Deza denuncian ante a Garda Civil a difusión de imaxes súas espidas creadas con IA
- ecosdacomarca

- hace 4 días
- 1 min de lectura
Ecos da Comarca/Deza
Oito mulleres maiores de idade presentaron nas últimas horas denuncias ante a Garda Civil tras detectar a difusión de imaxes súas espidas que, segundo indicaron, foron creadas mediante ferramentas de intelixencia artificial sen o seu consentimento.

As afectadas puxeron os feitos en coñecemento das autoridades despois de que as montaxes comezasen a circular a través de diferentes canles. As imaxes, elaboradas de maneira artificial a partir de fotografías reais das vítimas, amosarían ás mulleres en situacións de espido.
PUBLICIDADE
A Garda Civil, tal e como informou hoxe a este medio a oficina de prensa da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, mantén aberta a investigación co obxectivo de identificar á persoa ou persoas responsables da creación e difusión deste contido e non se descarta que poidan aparecer máis vítimas relacionadas co caso, xa que continúan as comprobacións e a análise do material difundido. Aínda que nun primeiro momento se falou de mulleres de Silleda, a Garda Civil puntulizou hoxe a este medio que as afectadas son da comarca de Deza, habendo tamén de Lalín.
Este tipo de feitos poderían constituír delitos contra a intimidade, a propia imaxe e incluso acoso, dependendo das circunstancias da investigación. Nos últimos anos incrementáronse os casos relacionados co uso fraudulento da intelixencia artificial para crear contidos falsos de carácter sexual sen autorización das persoas afectadas.
PUBLICIDADE
As autoridades lembran a importancia de denunciar este tipo de situacións e evitar compartir materiais deste tipo, xa que a súa difusión tamén pode ter consecuencias legais.








Comentarios