top of page

O xornalista Manuel Pampín será o pregoeiro da 31ª Festa do Melindre de Melide

Naceu nesta localidade e desde este Concello fixéronlle unha pequena entrevista sobre a festa, os doces, e algún curioso recordo de tantos anos de profesional


Ecos da Comarca/Melide

O xornalista Manuel Pampín será o pregoeiro da 31 Festa do Melindre de Melide. Manuel Pampín Sánchez naceu en Melide en 1958. Estudou xornalismo na universidade complutense de Madrid. En 1982 comezou a traballar na delegación de Santiago de "El Ideal Gallego", onde estivo tres anos facendo todo tipo de informacións. Desde xuño de 1985 ata a súa recente xubilación traballou na Televisión de Galicia, onde fixo practicamente de todo: desde retransmisións deportivas

ata presentar os telexornais.

Desde o Concello de Melide fixéronlle unha pequena entrevista sobre a festa, os doces, e algún curioso recordo de tantos anos de profesional.


1.Gústanche os melindres?

Si, claro que me gustan os melindres, máis mollados no café con leite para almorzar

que sós. Non son moito de larpeiradas, e no café con leite non da tanta sensación doce.


2. E os ricos e os amendoados? Con cal dos tres doces quedas?

Os amendoados si, sobre todo se teñen o puntode brandura exacto. Os ricos non me entusiasman tanto. Son un pouquiño duros… para o meu gusto. Quédome cos melindres para mollar no almorzo, e cos amendoados para tomar sós.


3. Con que os tomas? Ou gústanche sós? Como xa dixen, só me gustan sós os amendoados, e os melindres mellor

co café con leite.


4. Viñeches como veciño a moitas edicións da festa?

Hai bastante tempo que non veño; traballei durante moito tempo na fin de semana, sobre todo en deportes, e érame imposible acudir. Agora, coa xubilación, agardo facelo moito máis a miúdo.


5. Coñeces e tes trato a algúns dos embaixadores/as?

Coñezo a case todos os embaixadores e embaixadoras do melindre, pero non teño un trato habitual con el@s. Se coincidimos falamos, pero tampouco son eu moito de

forzar as relacións sociais.


6. Que é o que máis che gusta facer en Melide?

Gústame estar na casa, repasar unha e mil veces os recordos da infancia, da adolescencia, as fotos vellas … e estar cos amigos de sempre, os de verdade; ir de viños con eles, e atopar xente que non vexo desde hai tempo, é un dos grandes praceres da vida.

7. Cóidaste moito? Fas deporte?

Non me coido especialmente, sobre todo porque estou moi limitado para facer deporte: teño 4 próteses; dúas de cadeira e dúas de ombreiros. Pero se me vexo gordo ou fondón, báixolle algo ao penso e xa está; non me custa demasiado reducir a inxestión de comida.


8. Coidas moito a túa alimentación?

Procuro comer con certo equilibrio, un pouco de todo… pero sen obsesionarme o máis mínimo. Como para vivir; non vivo para comer; non ando mirando as proteínas, os hidratos

de carbono, as calorías, etc. Non me preocupa nadiña!


9. Fixeches o camiño de Santiago?

Nunca fixen o camiño de Santiago e non me atrae demasiado facelo, sobre todo nos meses en que o percorrido está ateigado de xente; non che son de multitudes. Respecto moito á xente que o fai, pero eu non teño pensado facelo, prefiro dar unha voltiña por Melide

10. A que deportista dos que lembras pensas que lle faría máis falta comer os doces de Melide?

Hai xa ben anos, estabamos en Frankfurt porque xogaba alí un equipo galego. Era inverno, había moita neve e facía un frío

tremendo. Subín á habitación dun dos futbolistas, e estaba metido na cama con varias mantas enriba … a pesar da calefacción!!! Díxome que el con tanto frío non ía xogar, que ía morrer coma un paxariño! e non xogou!; era Bebeto…

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page