O traballo de Adega nos Sobreirais do Arnego, referencia estatal de custodia do territorio
- Laura Moure
- 4 may
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Agolada
A iniciativa de ADEGA Custodiando os Sobreirais do Arnego foi seleccionada como caso de éxito a nivel estatal dentro do proxecto CustForest, impulsado pola Xarxa de Custodia del Territori (XCN) de Catalunya, entidade de referencia no Estado español en custodia do territorio.
ADEGA é unha das 20 experiencias destacadas pola súa capacidade de impacto social, conservación da biodiversidade, xestión innovadora e continuidade no tempo. Esta selección supón un recoñecemento ao traballo que a entidade leva realizando desde 2016 no río Arnego, cun acordo de custodia do territorio que abrangue a parcela da Zarra da Pena e na contorna do río Arnego.

Accións desenvolvidas
As accións desenvolvidas inclúen a eliminación de flora exótica e plantación de especies autóctonas como a sobreira (Quercus suber). Tamén a mellora de hábitats para especies protexidas de morcegos (Myotis myotis, Rhinolophus ferrumequinum e R. hipposideros) e gasterópodos (Geomalacus maculosus, Elona quimperiana); e a creación de inventarios de flora e fauna, recuperación de elementos naturais e etnográficos, e accións de voluntariado ambiental no marco do Proxecto Fluviatilis.
Publicidade
Ademais, ADEGA procura o fomento da bioeconomía local, dun aproveitamento sostible da cortiza e un turismo respectuoso co medio ambiente, coa implicación da poboación na protección e divulgación do medio.
Publicidade
Recentemente, ADEGA asinou dous novos acordos de custodia para ampliar a superficie protexida, reforzando o seu compromiso coa conservación activa e participativa dos espazos naturais galegos.Toda a información sobre o proxecto CustForest, incluído o mapa coas 20 iniciativas seleccionadas e as fichas descritivas, está dispoñible na web da XCN.
Comments