O SLG trasladará o rexeitamento rotundo do agro galego ao Acordo UE - Mercosur en Bruxelas
- ecosdacomarca

- hace 40 minutos
- 5 Min. de lectura
Esixe á UE, ao Goberno español e á Xunta de Galicia a oposición total a este acordo e a ruptura co mesmo e instan ao Parlamento Europeo a formar unha minoría de bloqueo
Ecos da Comarca/Xeral
Trala concentración de onte, 12 de xaneiro, convocada polo Sindicato Labrego Galego Comisións Labregas (SLG-CCLL) diante da Delegación do Goberno na Coruña ao grito de “Non ao Mercosur” ou Europa-Mercosur: Fame para o Norte e fame para o Sur”, dende o Sindicato Labrego Galego trasladaran o rexeitamento rotundo do agro galego ao Acordo UE- Mercosur, en conversas que se van dar en Bruxelas entre a Comisión Europea e as nosas aliadas da Coordinadora Europea Via Campesina. “Nós non queremos nin imos negociar ningún tipo de cláusulas, non aceptamos ningún tipo de tratado en canto ao Mercosur”, sinala Brais Álvarez, responsábel da Secretaría de Acción Sindical no SLG.
Esta xuntanza, xunto coas futuras accións de difusión por parte do SLG do contido do acordo comercial entre a cidadanía, tanto no que respecta á competencia desleal que supón este tratado para as persoas agricultoras e gandeiras fronte ao gran agronegocio exportador, ao enorme impacto que terá para o agro galego e na nosa soberanía alimentaria, así como no incremento de tóxicos na alimentación, no aumento da contaminación e das emisións de gases de efecto invernadoiro, buscando o apoio das persoas consumidoras, foron algúns dos aspectos tratados o luns na concentración por María Ferreiro, Secretaria Xeral do SLG.

“Non ao Mercosur”
"O pasado luns, 12 de xaneiro, manifestámonos na Coruña contra a firma do tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur. Á mobilización acudiron tamén ás organizacións Elas e Eles gandeiros, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace", salienta o sindicato.
Esta concentración tivo lugar a poucos días da firma do acordo, prevista para este venres 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai). A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, António Costa, asinarán o tratado de xeito totalmente antidemocrático tras a aprobación do Consello da UE o pasado venres 9 de xaneiro, cunha votación de 21 países a favor de 27, malia a oposición de Francia, Polonia, Austria, Irlanda e Hungría. O acordo aínda precisa a aprobación do Parlamento Europeo para entrar en vigor, onde a votación podería ser moi axustada.
Un acordo devastador que entrega a agricultura ás transnacionais
Dende o SLG denuncian que este tratado "arruína o futuro da agricultura familiar e a soberanía alimentaria de ambos os continentes, ademais de supoñer a entrega da produción de alimentos aos intereses do agronegocio e das grandes corporacións, condenando ao peche a miles de granxas en Europa pola competencia desleal e expulsando ás labregas do Mercosur das súas terras. Coa sinatura do acordo, os alimentos converteranse nunha mercadoría en mans de multinacionais, en lugar de garantilos como un dereito da cidadanía".
Este tratado, apunta, "permitirá a chegada sen aranceis de 99.000 toneladas anuais de carne de bovino, 100.000 toneladas de carne de polo, miles de toneladas de carne de porco, 45.000 toneladas de mel, ademais da liberalización do 86% dos produtos agrícolas procedentes do Mercosur".
Alimentos como arma de negociación e problema de saúde pública
O apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez, advirte que neste tratado a alimentación e a produción de alimentos son utilizadas como unha arma de negociación, tratándose a alimentación como un negocio en lugar de darlle a protección que necesita un ben tan necesario para a cidadanía. “Os dereitos laborais, as normas ambientais, de benestar animal e a normativa vixente nos países do Mercosur son moito máis laxas e ofrecen menos garantías para a saúde das persoas traballadoras, consumidoras e para o medio ambiente", explica Álvarez. “En Brasil, por exemplo, dos 500 praguicidas autorizados, 150 estarían prohibidos na UE pola súa perigosidade”.
Na avaliación do impacto sobre a sostibilidade encargada pola propia Comisión Europea, prevese que este tratado incremente entre un 47,6% e un 60,2% as exportacións de produtos farmacéuticos e químicos da UE ao Mercosur. "Moitos destes produtos están hoxe prohibidos en Europa pero volverán ás nosas mesas co aumento das importacións", alerta Álvarez. Non se esixirán as mesmas condicións nin estándares de seguridade, e numerosas persoas expertas alertan de que as salvagardas anunciadas non son garantía suficiente.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Control alimentario en mans de poucas empresas
Todo o anterior implica que, nun futuro próximo, unhas poucas empresas controlen a maior parte da produción de alimentos e, polo tanto, do que comemos e a que prezo en Europa e nos países do Mercosur. “Este tratado vai facer imposible que controlemos o que comemos. En pouco tempo, non saberemos de forma fidedigna a procedencia ou como foi producido o que comemos, e chegado o caso controlarán o prezo de todo o que comemos ou mesmo o que comemos, utilizando a alimentación como un mecanismo de control das sociedades", advirte Álvarez.
Dende o sindicato advirten, ademais, "que esta alimentación en masa e con menos controis non vai ser producida por pequenas labregas dos países do Mercosur. Estas están sendo expulsadas das súas terras por grandes terratenentes e fondos de inversión para a produción destes produtos ou de soia e millo a base de fertilizantes químicos, utilizando agrotóxicos e destruíndo o medio ambiente". "Pola contra, a dimensión das explotacións que nutrirán o agronegocio exportador é moito maior e moi diferente da media das granxas galegas: as explotacións lácteas do Uruguai teñen de media 250 hectáreas e as arxentinas oscilan habitualmente entre as 180 e as 1.100 hectáreas".
Publicidade
Contradición climática e preocupación polo futuro da agricultura e a alimentación
Por último, lamenta que "resulta totalmente contraditorio que, nun momento no que a UE se comprometeu a alcanzar en 2030 unha redución do 55% das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, se promova un acordo que incrementará drasticamente as emisións derivadas deste comercio a escala mundial e da deforestación asociada. En Brasil, prevese un aumento de máis dun millón de hectáreas de superficie dedicada á soia, moitas na Amazonía, que tamén se verá gravemente afectada pola expansión de cultivos como a caña de azucre para satisfacer a demanda europea de etanol".
Publicidade
"Dende o SLG-CCLL estamos fondamente preocupadas pola aprobación deste acordo, non só porque moitas de nós é posible teñamos que pechar e as nosas vilas morrerán un pouquiño máis, senón tamén como produtoras de alimentos saudábeis e responsábeis coa sociedade que somos", declaran Álvarez. “Preocúpanos a alimentación á que o conxunto da sociedade vai ter acceso no futuro: unha alimentación dependente dunhas poucas empresas, sen poder ningún de decisión para a cidadanía sobre a súa calidade, sendo a alimentación un negocio e non un ben esencial".
As súas esixencias
"Esiximos á UE e a todas as administracións do Estado español e da Xunta de Galicia a oposición total a este acordo e a ruptura co mesmo e instamos aos grupos parlamentarios europeos a votar en contra do tratado no Parlamento Europeo e formar unha minoría de bloqueo que o paralice definitivamente. Continuaremos mobilizándonos e chamamos ao conxunto da cidadanía galega a apoiar e sumarse ás accións contra este tratado ata conseguir a súa paralización definitiva. O futuro da alimentación non pode estar en mans do agronegocio: pasa pola agricultura familiar, a transición agroecolóxica e a soberanía alimentaria. Por iso non deixaremos de loitar contra este tratado".








Comentarios