O SLG reuniuse en Bruxelas para trasladar a súa postura sobre o acordo UE-Mercosur e a PAC
- ecosdacomarca

- hace 7 horas
- 4 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Este venres o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez López, mozo apicultor, reuniuse en Bruxelas, canda unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego fai parte-, co comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, para tratar os temas do acordo UE-Mercosur e da Política Agraria Común (PAC). Acompañaron ao Secretario de Acción Sindical do SLG Morgan Ody, Coordinadora Xeral da Vía Campesina e produtora de horta á pequena escala na Bretaña francesa; Andoni García, Responsábel de Acción Sindical da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG) e Mathieu Dalmais da Confédération Paysanne de Francia e produtor de leite, co fin de trasladar a postura das máis de 30 organizacións que formamos parte de ECVC VIA CAMPESINA en Europa sobre o MERCOSUR e a futura PAC 2028-2034.

Reunión co comisario de agricultura, Christophe Hansen
Durante a xuntanza co comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, a delegación da ECVC expúxolle a Política Agraria Común (PAC) que se precisaba para o novo período 2028-2034. “Unha PAC pensada nas persoas produtoras, cunha regulación do mercado para garantir prezos dignos”, defendeu Álvarez. Con todo, o mozo apicultor subliñou que a “Comisión Europea só pensa no libre mercado para que o agronegocio siga a aumentar os seus beneficios”.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

En canto ao acordo UE-Mercosur, o comisario de agricultura “tentou convencernos das súas bondades, e nós reafirmámonos dende ECVC e o Sindicato Labrego Galego que vai ser prexudicial para moitas granxas do noso territorio e, polo tanto, seguimos e seguirémoslle trasladando o noso rotundo NON ao Mercosur”, esclareceu Álvarez.
“Entendemos que o libre mercado non é o camiño se queremos que siga habendo granxas no territorio e, por iso, tanto no ámbito da PAC como nos tratados de libre comercio, dende o Sindicato Labrego Galego imos a seguir a loitar porque se regule o mercado, porque as axudas cheguen a quen teñan que chegar e e porque por unha vez por todas se teña ás produción labregas no centro do debate”.
Xuntanza coa eurodiputada italiana Cristina Guarda
Á primeira hora recibiu á delegación da Coordinadora Europea Via Campesina a eurodiputada italiana Cristina Guarda, do Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, integrante da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural e portavoz do seu grupo en temas de agricultura. “Trasladounos o que para elas e eles é unha vitoria importante alcanzada este mércores en relación ao tratado UE-Mercosur e o seu envío á xustiza europea, que o Grupo dos Verdes foi un dos grupos que presentara esa moción e que estaban expectante a ver que ocorría agora”, comentou Brais Álvarez.
Publicidade
Ademais, Guarda explicou que tiñan dúbidas en canto ao que ía facer a Comisión Europea sobre a pare comercial do acordo, que Grupos dos Verdes vai solicitar que se manteña sen aplicar até a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE). Doutra banda, púxose sobre a mesa a preocupación que existe na actualidade sobre os tratados de libre comercio e sobre todo en canto a garantir fixar uns prezos mínimos para os produtos tendo en conta os salarios e os custes mínimos de produción, que permitan garantir uns salarios dignos para as persoas labregas.
“A eurodiputada fixo fincapé no traballo que están realizando o Grupo dos Verdes con todo o relacionado coas importacións de mel de fóra e coa falsa mel, de feito formulou que no marco do Parlamento ían potenciar unhas xornadas de traballo e preguntou nese senso a nosa opinión sobre o sector, e sobre a carne e o leite e como protexer as pequenas producións”, afirmou o mozo apicultor. Na conversa con Cristina Guarda houbo “boa sintonía coas propostas que lle achegamos na liña dunha Política Agraria Común (PAC) que se pense para quen produce, que garanta prezos mínimos, que regule o mercado e que non favoreza aos grandes acaparamentos de terras”, engadiu o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego.
Publicidade
Á agarda do ditame da xustiza europea
O 21 de xaneiro, en Estrasburgo, o Parlamento Europeo paralizou o acordo UE-Mercosur e procedeu ao seu envío á xustiza europea, solicitando un ditame ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a compatibilidade do Acordo de Asociación UE-Mercosur (EMPA) e o Acordo Comercial Provisional (iTA) con Tratados da UE. Agora a xustiza europea terá entre 6 meses e 2 anos para emitir o seu ditame. Mentres tanto, a Comisión Europea, co apoio dalgúns Estados membros, tentará impulsar unha aplicación provisional deste acordo, tal e como nos confirmou hoxe o comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen.
Futuras mobilizacións
Recalca que "a decisión do Parlamento Europeo coa paralización do acordo corroborou que as mobilizacións e protestas da sociedade, das organizacións e das labregas e dos labregos, son unha ferramenta fundamental para frearlle os pés ao UE-Mercosur, un acordo onde non ten cabida a pequena agricultura sostíbel e xusta". "No SLG non imos permitir que tratados como este rematen de asfixiar ás nosas granxas, nin que os recortes na PAC condenen ao abandono ao medio rural galego. Por iso, se a Comisión Europea non detén a parte comercial do acordo, seguiremos loitando e mobilizándonos até que se paralice totalmente".








Comentarios