top of page

O SLG pídenlle á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa da Carne

Está a realizar unha campaña para que o sector de vacún de carne coñeza a súa realidade e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas dentro da IXP Tenreira Galega


Ecos da Comarca/Xeral

A comezos de xuño, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) iniciou unha campaña para que o sector de vacún de carne coñeza a súa realidade e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas dentro da IXP Tenreira Galega. "Como denunciamos nun comunicado o 8 de xuño, as gandeiras e os gandeiro opóñense á inclusión de novas razas dentro da IXP, en especial o que ten que ver coa introdución de razas como o azul belga, que nada teñen que ver co noso territorio, dentro da categoría Tenreira Normal". Agora desvela o resultado da enquisa.

Entre as accións nas que está a traballar o SLG no marco da dita campaña, encóntrase a elaboración dunha enquisa destinada ás gandeiras e aos gandeiros de vacún de carne, cuxa participación superou as máis cen respostas de persoas labregas de máis de 50 concellos galegos, tendo as participantes unha granxa de tamaño medio entre 30 e 40 vacas. O 75,9% das participantes están inscritas na IXP Tenreira Galega e o 81% teñen claro que a IXP non diferenza de maneira clara entre a Tenreira Galega Normal e a Tenreira Galega Suprema. O 75% están totalmente en contra de que se inclúan novas razas dentro da IXP, como o azul belga. Máis do 95% afirman que a industria e a distribución controlan o mercado e impoñen os seus prezos e, tamén, máis do 95% recoñecen que a Xunta de Galicia non defende as granxas tradicionais. O 98% sinalan que cómpre loitar por uns prezos xustos e que non se venda a perdas. O 98% das participantes responderon, ademais, que a Xunta de Galicia debería fomentar a venda directa e crear infraestruturas necesarias para poder facelo.


En canto á IXP, máis do 80% aseveran que o Consello Regulador non serve para atender ás necesidades das granxas en pastoreo e que utilizan razas autóctonas en perigo de extinción.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

A voz das gandeiras e dos gandeiros

"Alén das respostas á enquisa, foron varios os comentarios ou apuntamentos que as gandeiras e os gandeiros participantes quixen deixar ao fin do cuestionario. Neles faise énfase na importancia de loitar por uns prezos xustos para as persoas produtoras e que non estean en mans da industria e distribución, en establecer unha diferenciación clara entre Tenreira Galega Suprema e Tenreira Galega Normal, na relevancia de fortalecer a gandaría extensiva e educar á sociedade para que sexa consciente de todo o que aportan este tipo de granxas -tanto para unha alimentación saudábel como para un ecosistema san-, e en que a Xunta de Galicia non defende o sector", explica o sindicato.


A campaña nas redes sociais

Como parte da campaña, o Sindicato Labrego Galego difundiu nas redes sociais vídeos de gandeiras e gandeiros nas súas granxas na defensa dunha gandaría extensiva e de pequeno e mediano tamaño. Un exemplo é o caso do reel do viceresponsábel do Sector da Carne do SLG, Iago Vilar, criado de vaca cachena en extensivo en O Rial, na parroquia de Meire (Allariz). O testemuño do vogal do SLG na IXP Vaca e Boi de Galicia, o gandeiro da Limia Samuel Formoso. Recentemente compartiuse a peza da gandeira de Becerreá, María Osorio, responsábel do Sector da Carne do SLG, que está a ter, tamén, moi boa acollida polas usuarias e usuarios.


O vacún de carne, en crise

O sector do vacún de carne está a vivir unha situación delicada marcada pola caída dos prezos en orixe, especialmente dende maio. "Como denunciamos na rolda de prensa o pasado martes 7 de xullo en Compostela, o descenso do consumo polo elevado prezo que esta acadou nos lineais, o peche das exportacións cara a terceiros países como Marrocos, a subida dos prezos dos insumos como o gasóleo ou os fertilizantes e a influencia dos tratados de libre comercio levaron a que o sector atravese un momento preocupante".


O Secretario de Acción Sindical do SLG, o apicultor Brais Álvarez, fixo mención en dita rolda a unha reunión co Ministerio na que participou a gandeira Isabel Vilalba, Secretaria de Relación Externas do SLG e integrante da Executiva da COAG, onde se falou da xuntanza que tiveron o goberno de Marrocos e o goberno do Estado español. O goberno de Marrocos non quixo abrir o mercado e quedouse en volver a falar en novembro. “O que estamos vendo con isto é que o goberno de Marrocos non precisa o vacún de carne do Estado español. A causa fundamental deste bloqueo é que Marrocos estase abastecendo do Brasil. A chegada de carne dos países de MERCOSUR xa está substituíndo á carne neste mercado e existe o perigo real de que empeore a situación no mercado interno por este factor”, advertiu Álvarez.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Prezos xustos e cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

De novo, dende o SLG, solicítanlle á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa da Carne co fin de acordar dunha vez por todas unhas canles para establecer uns custos de produción e desenvolver a Lei da Cadea Alimentaria no noso país. "Xa perdemos a conta das veces que realizamos esta petición. Pero volveremos facela unha e outra vez até que, ao fin, a Xunta de Galicia reaccione e atenda as demandas das labregas e dos labregos de Galiza: precisamos prezos xustos e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria!", salienta o SLG.

IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page