top of page

O SLG pide unha xuntanza urxente con Medio Rural para tomar medidas para paliar os efectos da seca

Ecos da Comarca/Xeral

O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de rexistrar un escrito no que solicita á Consellería de Medio Rural (CMR) unha xuntanza con carácter urxente para poñer enriba da mesa a difícil situación que atravesan as granxas galegas por mor da seca e acordar medidas concretas que axuden a afrontala. Para o sindicato, "o tempo pasa e a administración galega segue sen escoitar as demandas do sector nin avaliar a situación de risco que xa viven moitas granxas en todo o país".


Danos en carne, leite e horta

A seca xeneralizada, explica, provocada por numerosos meses de precipitacións por debaixo da media xunto con episodios extremos de calor continuados, está a comprometer a viabilidade económica das granxas en todos os sectores. "Na carne, a recollida de forraxes foi escasa e en moitos casos o pastoreo resultou inviable ata dous meses antes do habitual, o que agrava a situación porque moitas granxas xa están a consumir a forraxe reservada para o inverno. Comezan ademais a detectarse casos nos que o subministro de auga non chega a cubrir as necesidades do gando", lamenta.

No leite, a menor recollida de forraxe súmase a unhas malas perspectivas na campaña do millo: "a falta de choiva nos meses críticos para este cultivo reduce a súa calidade e cantidade, o que compromete a produción da vindeira campaña. Na horta e na apicultura, as colleitas menguaron en máis da metade e nalgúns casos non chegan sequera a desenvolverse, o que a medio prazo pon en risco a continuidade destes proxectos".


Un ano climático "do que hai que aprender"

Dende o SLG cualifican este como un ano "especialmente duro" a nivel climático. As fortes choivas de febreiro e marzo impediron entrar a traballar a terra nas datas habituais e, cando por fin se puido sementar, chegaron ondas de calor continuadas que non permitiron un desenvolvemento normal das colleitas. O sindicato sinala que se está a vivir "o verán máis caloroso da serie histórica" e alerta de que, dende hai unha década, cada verán tende a bater o récord do anterior, polo que reclaman traballar "en todas as frontes para adaptarnos ao futuro".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Piden avaliación inmediata e medidas de fondo

No escrito rexistrado, asinado pola secretaria xeral do SLG-CC.LL, María Ferreiro Santos, o sindicato solicita con carácter inmediato unha xuntanza de traballo coa CMR para avaliar a situación e pór enriba da mesa posibles solucións que axuden a mitigar a "extrema situación de vulnerabilidade" que atravesa o sector. O SLG considera necesario establecer todas as canles de comunicación e interlocución posibles para facer fronte de xeito colectivo a esta situación e achegar solucións que permitan garantir a viabilidade económica do sector a curto prazo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

O sindicato solicita tamén unha valoración oficial, sector a sector, dos danos e perdas que a seca está a provocar e vai provocar a curto prazo, tendo en conta que xa hai granxas con problemas de abastecemento de auga e que en pouco tempo poden quedar sen alimento para o gando. O SLG esixe que estas circunstancias se aborden sen que supoñan un sobrecusto para as granxas.


A medio e longo prazo, o sindicato reclama dotar as granxas de ferramentas que lles permitan adaptarse e sobrevivir a episodios climáticos extremos, incluíndo liñas específicas para subvencionar investimentos que axuden a combater o cambio climático e a desintensificar a produción.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Alerta ante a especulación de prezos

O SLG amosa preocupación pola escaseza de alimento para o gando, que está a disparar o prezo de insumos como as forraxes. O sindicato alerta de que, en moitos casos, as granxas non poderán mercar herba ou millo, e as que o fagan farano asumindo perdas económicas moi importantes, unha situación que consideran insostible a medio prazo se estes episodios climáticos extremos se repiten de xeito sistemático.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page