O SLG di un non rotundo ao Mercosur e presenta a súa axenda de mobilizacións
- ecosdacomarca

- hace 5 minutos
- 6 Min. de lectura
"Esiximos á UE e a todas as administracións do Estado español e da Xunta de Galicia a oposición total a este acordo e a ruptura co mesmo de xeito inmediato", recalca o sindicato
Ecos da Comarca/Xeral
A escasas horas de que se pretenda firmar o tratado de libre comercio entre a UE-MERCOSUR, mañá, 17 de xaneiro de 2026, en Paraguai, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) sigue mostrando o seu rexeitamento total a dito acordo, e esixe a todas as administracións (UE, Xunta de Galicia e administracións do estado) e partidos políticos que se posicionen dun xeito en contra do mesmo, que voten non o acordo, e que rachen coa actual proposta.
Para o Sindicato Labrego Galego "non é unha opción a falsa idea que se quere vender desde determinados ámbitos da inclusión de claúsulas de salvagarda no tratado. O representante de Paraguai, onde se vai asinar o acordo, o chanceler Rubén Ramírez, di que estarían exentos de calquera medida de salvagarda adicional que protexese aos produtores europeos porque non está no preacordo que se asinou; a normativa de produción no Mercosur vai ser a que hai nos países de orixe".
"Así mesmo, compre resaltar, din desde o Sindicato Labrego Galego, que é de sobra coñecido que os controis xa existentes a día de hoxe para os produtos que están entrando desde o Mercosur non impiden que entren produtos nos que se empregan agrotóxicos prohibidos na UE, e a situación neste aspecto empeoraría posto que se prevé o incremento de vendas de agrotóxicos da UE aos países do Mercosur, moitos prohibidos na normativa comunitaria".
Por outra banda, resalta que "o único previsto é abrir unha investigación se se superan os cupos (esas miles de toneladas acordadas) ou hai unha caída demostrada moi significativa dos prezos nun período (entre un 5 e un 8%), coa posibilidade dunha suspensión temporal das importacións a posteriori de que se dea un problema moi grande para a supervivencia das granxas".

Para o Sindicato Labrego Galego a única opción é un non rotundo ao acordo UE MERCOSUR ou, canto menos, sacar a alimentación do mesmo. "Para nós a alimentación nunca se debe incluír nos tratados de libre comercio, e en tanto esta figure no acordo UE-MERCOSUR non contemplamos outra opción que non sexa NON firmar este acordo. Non imos aceptar ningunha claúsula de salvagarda, nin promesas baleiras de supostos controis como está a facendo a Consellería de Medio Rural nas últimas horas. Sabemos de sobra que tanto as claúsulas de salvagarda como estes controis non son posibles e non van existir; polo tanto, xa non valoramos esta opción nin nos deixamos enganar por quen aquí di apoiarnos e en Bruxelas vota a favor do acordo, como fai o PP, o PSOE e VOX", di Brais Álvarez, apicultor e secretario de Acción Sindical do SLG, e engade: "Seguiremos a mobilizarnos e a esixir en todos os ámbitos para conseguir que este tratado non se firme, polo menos mentres non teñamos a seguridade plena de que se elimina a alimentación do mesmo. A alimentación e a saúde das persoas non é un negocio nin se xoga con el; é un ben de todas e todos e sobre a que temos dereito a decidir".
Neste último senso o Sindicato Labrego Galego, xunto con outras organizacións aliadas, celebrou o pasado luns unha concentración diante da Delegación do goberno de A Coruña, co fin de facer público “este rexeitamento total ao acordo e para presionar en todos os ámbitos ser escoitadas e atendidas nas nosas demandas e que a sociedade teña coñecemento do que lle ven enrriba e como tratan de enganarnos e silencialo.
" Non é a única acción que se prevé facer desde o Sindicato Labrego Galego; xunto con todos os contactos que están a ter coas administracións para trasladar este non ao acordo como a única opción, está "volver á rúa se nestas conversas non son escoitadas e as súas demandas aceptadas".
Conversas coas distintas administracións
O traballo de oposición o tratado UE MERCOSUR, vai vir marcado nos vindeiros días polas distintas xuntanzas ás que foron convocadas e nas que trasladarán este NON AO MERCOSUR.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

A rolda de negociacións comezará hoxe, venres día 16 de xaneiro, coa convocatoria do Consello Agrario por parte da Consellería de Medio Rural. Resaltan desde o Sindicato Labrego Galego "que despois de moito tempo denunciando que a consellería tiña secuestrados os órganos de interlocución legalmente constituídos co sector, como é o Consello Agrario, froito desta loita conseguimos que se convocara e no mesmo se incluíse como prioridade un grupo de traballo para a próxima PAC. Neste sentido, a consellería volveu convocar o Consello Agrario para hoxe, pero con sorpresa vimos como na súa proposta de orde do día non inclúen ningún punto concreto sobre o MERCOSUR, o que mostra ás claras o nulo interese que teñen desde a Xunta de Galicia en rexeitar o mesmo", e engade: "Xa esiximos e comunicamos que neste Consello Agrario ten que haber un punto concreto sobre o MERCOSUR onde esixiremos un NON ao acordo mentres non se elimine a alimentación do mesmo por parte de todas as asistentes, e de non querer esta declaración conxunta, claramente cada un quedará retratado e a sociedade galega verá claramente quen si e quen non apoia este tratado".
As conversas continuaran o vindeiro luns 19 de xaneiro as 12:00 horas cando as representantes do Sindicato Labrego Galego serán recibidas polo delegado do goberno en Galicia, neste sendo dende explican “ que esta xuntanza a que acudirá a propia Secretaria Xeral María Ferreiro, foi froito da mobilización do pasado luns, froito da presión feita diante da delegación do goberno non lles quedou outra que sentarse con nós, queremos nós expliquen á cara porque é tan marabilloso este acordo para que o goberno de España o firme de xeito unilateral sen contar coa sociedade, e esixiremos a ruptura e volta atrás desta postura, así como esixir nas votacións da próxima semana en Bruxelas no Parlamento Europeo voten a favor de elevar a ratificación da legalidade do acordo o TSXE”.
Publicidade
Por último, o venres 23 de xaneiro ás 13:00 horas, dentro dunha delegación de 5 persoas da ECVC VIA CAMPESINA, da que o Sindicato Labrego Galego forma parte, e entre as que se atopará o propio secretario de Acción Sindical Brais Álvarez, xunto con dúas labregas da Confédération Paysanne de Francia e de FUGEA de Bélxica, reuniranse co actual comisario de Agricultura na Comisión Europea (Christophe Hansen) para trasladar "a postura das máis de 30 organizacións que formamos parte de ECVC VIA CAMPESINA en Europa sobre o MERCOSUR e a futura PAC 2028-2034. En cuanto ao MERCOSUR, todas coincidimos nun non absoluto ao MERCOSUR e que non son aceptables claúsulas inviables ou controis que non son aplicables". A mesma delegación reunirase ao longo desa mañá con distintos grupos parlamentarios do Europarlamento tamén para mostrar o seu rexeitamento ao acordo.
Tamén resaltan dende o Sindicato Labrego Galego que de non ser atendidas as demandas de paralizar de inmediato o presente acordo, retomaran as mobilizacións tendo intención de convocar novas accións para o día 29 de xaneiro “se non conseguimos o obxectivo de paralizar o acordo na súa totalidade, volveremos mobilizarnos ata ser escoitadas, comezando cunha xornada de loita e mobilización o vindeiro 29 de xaneiro”.
Publicidade
LIBERDADE INMEDIATA AS COMPAÑEIRAS DA CONFERENCE PAYSANNE EN FRANCIA
Tamén alertan desde o Sindicato Labrego Galego da detención durante a xornada deste pasado martes de 52 compañeiras do sindicato de Francia Confédération Paysanne e compañeiras do SLG no seo da ECVC VIA CAMPESINA, entre elas a de Morgan Ody, actual coordinadora xeral de La Vía Campesina, durante unha ocupación pacífica do Ministerio de Agricultura de Francia.
Esixen a inmediata liberación de todas as persoas detidas e alertan da crecente criminalización da loita labrega que se está a ver por toda Europa, cando "de xeito pacífico e exercendo os seus dereitos estaban esixindo ao goberno francés que non dera marcha atrás no seu rexeitamento ao MERCOSUR e tomara medidas concretas para facer fronte á crise da Dermatose Nodular que desde hai meses está comprometendo o futuro de miles de granxas por toda Francia. Dende aquí queremos esixir a súa liberación inmediata e o noso apoio na súa loita ás irmás da Confédération Paysanne e a todas as labregas de alí".








Comentarios