O SLG advirte da preocupante situación que atravesa o sector e denuncia "a falta de actuación da Xunta"
- ecosdacomarca
- hace 24 horas
- 6 min de lectura
Fala de problemas relacionados coa PAC, cos prezos do vacún de carne, coa renovación dos contratos do leite, coa crise climática e coas medidas fronte aos lumes
Ecos da Comarca/Xeral
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) convocou onte unha rolda de prensa para afondar na situación actual que atravesa o sector agrario.
A gandeira e Secretaria de Acción Sindical do SLG, María Ferreiro; e o apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez debullaron a posición do Sindicato Labrego Galego ante a nova Política Agraria Común; o momento preocupante que está a vivir o sector agrario polas consecuencias do cambio climático e as altas temperaturas; a exclusión das granxas galegas das axudas de fertilizantes por mor da guerra dos EE UU que publicou onte o Ministerio; a realidade que atravesan as gandeiras e os gandeiros de vacún de carne, dando a coñecer os resultados dunha enquisa que a organización lanzou hai un mes para que o sector coñeza a realidade que atravesa e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas dentro da IXP Tenreira Galega. Tratouse tamén o tema da renovación dos contratos do leite e a orde que a Xunta de Galicia vén de establecer para evitar que a maquinaria agrícola ou forestal provoque incendios cando o risco de lumes é moi alto ou extremo.

Política Agraria Común (PAC)
A Secretaria Xeral do SLG, a gandeira María Ferreiro, presentou a campaña de recollida de sinaturas que o Sindicato Labrego Galego realizou arredor da súa proposta para a nova Política Agraria Común (PAC) -obtendo máis de mil sinaturas-, texto que se remitiu ás eurodiputadas galegas, e que foi escoitada por Ana Miranda (Bloque Nacionalistas Galego), que dentro do seu grupo inclúe a postura do SLG xunto a máis emendas á Comisión Europea procedentes da Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego Galego fai parte-.
A gandeira deixou claro que no caso galego, "dende o SLG, estamos fondamente preocupadas porque o grupo de traballo que se aprobara no Consello Agrario de finais do ano 2025 só se reuniu dúas veces, nas cales se sacou unha postura conxunta de mínimos entre a Xunta de Galicia as tres organizacións agrarias galegas, na que a Consellería do Medio Rural e as organizacións nos comprometemos a loitar por unha PAC que no seu Piar I non se basee en dereitos de pago único en base á terra, por ser este un modelo que non beneficia en nada o noso territorio e en xeral ás pequenas e medianas granxas".
No pasado Consello Agrario as representantes do SLG solicitaron que se volvera reunir este grupo e "que se nos explicara que traballo se fixo neste censo a Consellería do Medio Rural. Contestóusenos con evasivas algo que nos preocupa en grande medida, xa que estamos nas últimas semanas onde se pode ter incidencia en Bruxelas".
Un momento preocupante para o sector
No que se refire ao sector, na rolda de prensa ficou clara a preocupación do SLG en canto á situación actual que atravesan as labregas e os labregos de Galicia respecto ao cambio climático -"cuestión que xa vimos denunciando dende o comezo do verán por mor da seca e da aparición de enfermidades como o verme soldado, que está atacando fortemente as colleitas-. Esta situación, xunto á suba dos custos de produción e unha baixada xeral dos prezos, comprometen seriamente o futuro de miles de granxas por todo o país".
PUBLICIDADE
A Secretaria Xeral do SLG fixo fincapé "na falta de actuación da Consellería do Medio Rural que non está escoitando ao sector gandeiro nin ten vontade de sentarse a procurar unha solución para os problemas. Esta parálise cara ás labregas e aos labregos está tendo repercusións en Madrid e en Bruxelas". “O tempo pasa e non fomos quen, como territorio, de expoñer de manira pública unha postura coherente sobre a nova PAC, aínda existindo vontade de diálogo pola nosa banda”, resaltou.
Exclusión das granxas galegas
E recalcan que onte mesmo (polo xoves) "publicouse a orde de axudas para fertilizantes e a propia composición da axuda deixa fóra a miles de granxas de Galiza, excluíndo ás granxas galegas fronte ás do resto do Estado". Por iso, dende o SLG, solicítase que, con carácter inmediato, tanto a Xunta como o Ministerio escoiten a nosa voz. “Madrid non entende que os nosos pastos tamén precisan ser abonados, vólvese premiar a quen máis insumos necesita para producir en vez de iniciar unha transición agroecolóxica como levamos pedindo durante moito tempo”, sentenciou o Secretario de Acción Sindical do SLG, o apicultor Brais Álvarez. “Pedimos a ratificación inmediata por parte do Ministerio desta orde, senón faremos unha recollida de sinaturas e presentamos un recurso ante o Ministerio”, dixo.
O vacún de carne
O sector do vacún de carne está a vivir unha situación delicada marcada pola caída dos prezos en orixe, especialmente dende maio. O descenso do consumo polo elevado prezo que esta acadou nos lineais, o peche das exportación cara a terceiros países como Marrocos, a subida dos prezos dos insumos como o gasóleo ou os fertilizantes e a influencia dos tratados de libre comercio levaron a que o sector atravese un momento preocupante. O apicultor fixo mención a unha reunión co Ministerio na que participou a semana pasada a gandeira Isabel Vilalba, Secretaria de Relación Externas do SLG e integrante da Executiva da COAG, onde se trasladou que o goberno de Marrocos e o goberno do Estado español tiveron unha xuntanza hai 2 semanas. O goberno de Marrocos non quixo abrir o mercado e quedouse en volver falar en novembro. “O que estamos vendo con isto é que o goberno de Marrocos non precisa o vacún de carne do Estado español. A causa fundamental deste bloqueo é que Marrocos estase abastecendo do Brasil. A chegada de carne dos países de MERCOSUR xa está substituíndo á carne neste mercado e existe o perigo real de que empeore a situación no mercado interno por este factor”, advirte.
PUBLICIDADE
Enquisa Tenreira Galega Suprema
O Secretario de Acción Sindical do SLG desvelou os resultados dunha enquisa que a organización lanzou hai un mes destinada ás gandeiras e aos gandeiros de vacún de carne para que o sector coñeza a realidade que atravesa e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas dentro da IXP Tenreira Galega. "A día de hoxe contamos con máis de cen respostas de persoas labregas de máis de 50 concellos galegos, tendo as participantes unha granxa de tamaño medio entre 30 e 40 vacas. Por citar algunhas cifras: o 75,9% das participantes están inscritas na IXP Tenreira Galega e o 81% teñen claro que a IXP non diferencia de maneira clara entre a Tenreira Galega Normal e a Tenreira Galega Suprema. O 75% están totalmente en contra de que se inclúan novas razas dentro da IXP, como o azul belga. O 91% afirmaron que no caso de incluír novas razas prexudicarían a granxas de Tenreira Galega Suprema e o 95% que cómpre loitar por uns prezos xustos e que non se venda a perdas".
Renovación de contratos do leite
A gandeira e Secretaria Xeral do SLG recordou que "estamos ás portas da nova renovación de contratos do leite é que a Consellería do Medio Rural non puxo a andar ningunha medida para que non pasara o da pasada renovación no mes de abril2. “Vivimos unha situación moi preocupante e vemos que nada mudou. Recordemos que houbo granxas que quedaron sen que se lle recollera o leite por unha imposición unilateral das empresas”, sinalou gandeira, subliñando que “as persoas que se dedican á produción de leite con este tipo de prácticas poidan deixar de producir”.
PUBLICIDADE
Dende o SLG volven reclamar que se establezan as mesas de negociación e que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria. “Aquí a negociación non existe, o que nos poñen enriba da mesa é un papel”, denuncio. Por iso, dende o SLG, instamos á Consellería do Medio Rural, se tanto lle preocupa o sector, que reúna as partes para que non se produza de maneira unilateral esa renovación de contratos neste mes de xullo.
Orde da Xunta de prevención de incendios forestais
Por último, na rolda de prensa, Brais Álvarez aludiu á orde que a Xunta de Galicia vén de establecer para evitar que a maquinaria agrícola ou forestal provoque incendios cando o risco de lumes é moi alto ou extremo. “Esta norma parécenos un ataque”, afirmou. “A Xunta está regulando unha competencia que o marco estatal lle outorga, como a outras comunidades autónomas, na que converte ás persoas labregas en unha brigada forestal. Esta norma o que busca é a quen botarlle a culpa da falta da xestión que a Consellería do Medio Rural, porque dende a Xunta non se fixo traballo ningún para previr os lumes. Iso é o que nos molesta, que se nos use como escusa da súa mala xestión. O que non podemos é ter máis medidas preventivas que mans”, recoñeceu o apicultor.





